Subliña que “fronte aos vetos cruzados, queremos industria, emprego e respecto ao entorno”
A parlamentaria socialista Patricia Otero esixiu hoxe “tódalas garantías para as persoas e o medio ambiente” no proxecto de Altri para Galicia. A responsable socialista fixo estas declaracións logo do debate na Comisión de Industria do Congreso que rexeitou dúas propostas do PP pedindo fondos par ao proxecto aínda que non cumpra cos requisitos e do BNG reclamando que sexan denegados antes de coñecer as bases da convocatoria.
A responsable socialista apostou por esixir as máximas garantías para reindustrializar Galicia porque, dixo, “fronte aos vetos cruzados, queremos industria, emprego e respecto ao entorno”. Comezou amosando a súa sorpresa pola proposta do PP, que logo de 2 anos e medio de ter presentado o proxecto e de presentalo coma o seu buque insignia, agora pon en dúbida a súa viabilidade e reclaman axuda ao Goberno.
Ademais, engade, “piden que se garantan fondos europeos e diñeiro do Perte de descarbonización cando saben que nin a empresa ten presentado solicitude algunha á convocatoria dos pertes e as bases da convocatoria aínda non foron publicadas”. Criticou a súa “incoherencia” cando lle reclaman fondos ao Goberno aínda que o proxecto incumpra coas esixencias, e ao mesmo tempo sinalan que a Xunta financiará o proxecto “só se cumpre cos requisitos”.
Puntualizou que “o que debe de facer a Xunta é explicar os cambios” do proxecto orixinal, que pasou de 1.500 postos de traballo directos e 6.500 indirectos a “uns poucos centos” de traballos, cando ademais “semella que xa non se trata dunha fábrica só de fibras téxtiles, que non pecha o ciclo forestal en Galicia”.
Afeoulle tamén ao BNG que renunciara a acadar ningún tipo de acordo “buscando o noso posicionamento en contra de que o proxecto reciba fondos europeos”. Lembrou que a convocatoria “non ten nin sequera publicados os requisitos”. Explicou que a selección dos proxectos correspóndelle a unha Comisión técnica que avalía o cumprimento dos requisitos e garante que as axudas non se convocan “á medida” de ningún proxecto industrial.
Os socialistas lamentan a negativa do BNG a acordar unha proposta conxunta para pedirlle ao Goberno que garanta que a posible participación do proxecto nos fondos europeos sexa compatible co pleno respecto ao medio ambiente, a actividade económica da zona e a calidade de vida dos residentes nas comarcas afectadas.