Elena Espinosa pídelle a Rueda que estea á altura do seu cargo e lémbralle que o presidente arxentino comezou o seu mandato atacando os intereses dos galegos e das galegas en Arxentina
Santiago, 21 de maio. A viceportavoz socialista no Parlamento galego Elena Espinosa informou esta maña de que o seu grupo vai remitir ao resto de formacións unha declaración institucional “co fin de que a Cámara condene os insultos de Milei ao presidente do Goberno”. Na súa comparecencia ante os medios tras a Xunta de Voceiros, durante a que tamén avanzou os temas que se debaterán no pleno da semana que vén, cualificou de “moi grave” a situación xerada polos ataques do máximo mandatario arxentino ao Executivo español.
“Os grupos que conforman o Parlamento deberían aprobala por unanimidade”, dixo Espinosa antes de expresar a “fonda decepción” dos socialistas galegos pola postura do PP, “á que acaba de sumarse o presidente da Xunta”. Por ese motivo, preguntouse se Rueda “recibe instrucións de Génova ou se ten criterio propio”, caso ese último no que “non estaría pensando nos galegos e galegas que teñen intereses en Arxentina ou viven alí”.
Ao fío desa última afirmación, a viceportavoz lembrou que “o mesmo Javier Milei cuxa actitude Rueda se nega a condenar” foi o que ameazou con emprender unha reforma legal “que prexudicaba a pesca galega en Arxentina”, e que, segundo os propios datos da Xunta, ameazaba a 10 empresas galegas, 80 buques e 12 factorías, que moven 50.000 toneladas de pescado por valor de 400 millóns de euros. Tamén que naquela ocasión “fomos os socialistas quen defendemos os intereses da pesca e dos galegos e galegas”, dixo.
Espinosa sinalou as diferenzas entre o xeito de actuar dos socialistas e os populares en circunstancias similares. “Nada teñen que ver”, dixo. “A reacción de Rueda e do seu partido contrasta, por exemplo, coa defensa que fixo Zapatero de Aznar”, afondou. “Que Rueda non condene as declaracións de Milei e que por enriba culpe ao Partido Socialista da confrontación é o colmo”, criticou.
Por outra banda, tamén indiciu na distinta actitude dos empresarios respecto dos ataques de Javier Milei ao Goberno, que criticaron e rexeitaron “de plano”, tal como expresou o presidente da CEOE. “Estamos ante feitos moi graves ante os que todos deberiamos ter un concepto alto de Estado e defender o país. Podemos discrepar, e é lóxico que o fagamos, pero non podemos olvidarnos das lealdades que debemos ter cando hai ataques de terceiros”, concluíu a viceportavoz socialista.