Reclama un “cambio real” para evitar que se repita o colapso da Atención Primaria e Hospitalaria do pasado verán provocado polo peche de camas e a falta de recursos
A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, esixiulle hoxe á Consellería de Sanidade que poña enriba da mesa un plan de continxencias para reforzar a atención sanitaria no verán na cidade de Vigo. Espinosa presentou unha pregunta oral na Comisión de Sanidade do Parlamento diante do “clamor da rúa” logo da situación de “colapso” que viviu a cidade no verán pasado.
A responsable socialista reclamou “un Plan de continxencias para o verán tanto para a atención primaria como para a hospitalaria de Vigo que terminen coas deficiencias sufridas na cidade verán tras verán”. Esixiulle á Xunta que garanta que “todos os nenos e nenas en idade pediátrica que o necesiten poidan asistencia sanitaria por persoal especializado”, logo de que o pasado verán 3.000 nenos e nenas quedaran sen consulta pediátrica, o que “nos debe de alarmar a todos”.
Advertiu que mesmo os profesionais sanitarios alertaron de que estiveron ata 220 horas sen o persoal facultativo necesario, derivando a presión ao Punto de Atención Continuada e ás urxencias hospitalarias, que aumentaron as atencións un 5 por cento por riba do ano anterior, que xa rexistrara un incremento. Advertiu que á vista dos datos “podemos afirmar que o pasado verán en Vigo produciuse un colapso tanto da Atención Primaria como Hospitalaria.
Sinalou que esta situación evidencia as “deficiencias organizativas, produto da nula vontade política do goberno da Xunta”, que ten levado á sanidade ao límite logo de anos de recortes nos medios materiais e humanos. Esta área sanitaria, dixo, está a padecer deficiencias, recortes de persoal, peche de camas, listas de espera e as deficiencias propias do único hospital privado de Galicia, que quedan “ao descuberto” especialmente no período de verán.
Reclamoulle aos responsables da sanidade pública que demostren estar “á altura das circunstancias” e atendan ás necesidades dunha cidadanía que está a vivir ano tras ano a mesma situación nun clima de “insatisfacción xeneralizada”, como teñen manifestado mesmo en protestas nas rúas da cidade.