“É primeira vez que oio a alguén queixarse de que ten 23 millóns para articular axudas”, asegurou Silvia Longueira sobre as escusas da conselleira
Santiago, 14 de maio. A portavoz de Mocidade do Grupo Parlamentario Socialista, Silvia Longueira, criticou hoxe na Cámara as “escusas” da Xunta sobre o “caos” na xestión do bono alugueiro para a xente nova. “É a primeira vez que oio a alguén queixarse de que ten 23 millóns para articular axudas”, dixo a deputada do PSdeG en referencia ao argumento que esgrimiu a conselleira de Vivenda para xustificarse: a complexidade de tramitación dunha subvención para a que o Goberno do Estado transferiu os fondos á comunidade autónoma.
A través dunha interpelación ao Goberno galego, Longueira lamentou tamén que o equipo de Rueda puxera en cuestión o informe da Valedora do Pobo no que se recollían as queixas de numerosos afectados polas deficiencias, especialmente demoras e falta de comunicación axeitada, na resolución das axudas. Nel consta que a Xunta “incumpriu os prazos de tres meses para dar resposta ás demandas que lle chegaron a través do IGVS”, o organismo autonómico encargado de xestionalas, e tardou máis de 16 meses en lugar dos 3 establecidos na convocatoria.
Silvia Longueira destacou a importancia do bono alugueiro financiado polo Estado nun contexto no que unicamente o 30 % dos mozos e das mozas son quen de adquirir unha vivenda, debido ao empobrecemento da franxa de idade que vai dos 18 aos 35 anos. Segundo lembrou a deputada socialista, no 2008, hai só 16 anos, esa proporción estaba próxima ao 66 %.
A transferencia de 23 millóns de euros a Galicia, no marco do Plan de Vivenda 2022-2025 que puxo en marcha o Goberno de Pedro Sánchez, estaba destinada a sufragar axudas de 250 euros para alugueiro. O prazo de solicitude abriuse en xullo do 2022, “e a Xunta dixo que ía tramitar as subvencións en tres meses, pero non pechou o procedemento ata este ano”, explicou Longueira. Das 14.000 peticións, foron admitidas arredor de 4.000, engadiu, polo que considera aínda máis grave que se tardara case dous anos en comunicar as resolucións “cun SMS”.