Paloma Castro denuncia a “utilización política” con Consello Xeral do Poder Xudicial por parte do PP e reclámalles que cumpran a Constitución
O Pleno do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para reclamarlle ao PP que levante o bloqueo á renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial. A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, presentou esta iniciativa na que criticou a “utilización política” do órgano por parte do PP, que ten o mandato caducado dende hai 5 anos e 5 meses.
A responsable socialista denunciou a “concepción patrimonialista da Xustiza” por parte do PP, que “non acepta as regras do xogo democrático” e intenta “subverter o poder” cando está na oposición. Así sucedeu durante oito meses entre 1995 e 1996, outros dous anos entre 2006 e 2008 e, agora, que levan cinco anos e cinco meses de bloqueo da renovación do órgano de goberno dos xuíces.
Considera “unha vergoña” que mesmo a Comisión Europea teña apercibido da necesidade de renovación, mesmo ofrecéndose como mediadores, para atoparse con “cero vontade real do PP”, mesmo despois de que a UE dixera que “primeiro se renova o Consello e, despois, fálase sobre o sistema de elección”.
Advertiu que a proposta de modificación do sistema de elección é “unha mentira, unha proposición falsa, oportunista, partidista e enganosa”, porque “non poden pedir que se cambie a Lei para que se cumpra”, no que é unha mostra máis de “instrumentalización das institucións”. Advertiu que o propio Feijóo admitiu, nunha “trampa do subconsciente”, que “a culpa da non renovación é que Sánchez sexa presidente”.
Criticou que “enchen o peito cando falan de españas e enarbolan bandeiras”, cando manteñen o bloqueo do órgano, que “depende unicamente do PP”. Esixiulles que “dean mostra dese españolismo, cumpran a Carta Magna e acepten o cumprimento inmediato da Constitución” para renovar ao CXPX.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que rexeite o incumprimento do artigo 122 da Constitución e a conseguinte situación de bloqueo que está a sufrir o Consello Xeral do Poder Xudicial, e que manifeste aos grupos políticos con representación nas cortes a obriga de cumprimento inmediato da Carta Magna”.