Apunta ao reaxuste do modelo como “momento óptimo para atender ás demandas de tódalas asociacións que traballan pola plena inclusión”
A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Silvia Longueira, reclamoulle á Xunta que acorde o aumento do número de horas de atención temperá e asistencia temperá co sector asociativo e a Asociación Galega de Atención Temperá. Longueira presentou unha moción no Pleno do Parlamento para reclamarlle á Xunta que acorde un novo modelo que garanta a mellorar o servizo como obxectivo “irrenunciable”, pero que foi rexeitada polo PP.
A responsable socialista pediulle ao goberno galego que fixe un calendario de creación de puntos de atención temperá en Galicia, e que planifique as entidades do tecido asociativo que poidan ofrecer atención socio sanitaria á poboación de 0 a 6 anos, así como ás familias. Reclamou así atención as asociacións do ámbito da discapacidade, as que están especializadas en atención temperá e aos profesionais do sector, que avalan o cambio de modelo.
Reclamoulle ao goberno galego que “escoiten” ao tecido asociativo e empreguen o seu coñecemento, porque “temos xente capaz de facer o traballo e desapegar as listas de espera”, que “está agardando que abran a man para cambiar un modelo que é falido”.
Apunta que “non é tanto unha cuestión de recursos económicos, que tamén, senón de traballar nun modelo eficaz que, a lo menos, garanta as intervencións que se levan a cabo con nenos e nenas e familias”. Lembrou que o 10 por cento dos neonatos presentan algún problema de desenvolvemento, polo que reclamou apoio para as familias dos nenos e nenas en situación de vulnerabilidade.
Longueira saudou a entidades como Fademga, que engloba a máis de 41 asociacións de Galicia do ámbito da discapacidade, que hoxe asistiu ao debate no Pleno do Parlamento e que “ten un magnífico traballo sobre o terreo despregado sobre atención temperá, e que serían magníficos compañeiros de traballo na definición dun novo modelo”.
A responsable socialista defendeu no Hemiciclo o programa Irrenunciables, que forma parte do Plan de Plena Inclusión e que conta coas 17 federacións de Plena Inclusión, e que fixan como obxectivos a prevención de situacións de risco no desenvolvemento persoal, familiar e social, asegurar unha resposta global integrada dos diferentes sistemas, poñer ferramentas ao servizo das familias, garantir a aprendizaxe e asegurar o benestar persoal e familiar.