Apunta que os relevos nas xerencias das áreas sanitarias de Santiago, Ourense e Ferrol “evidencian que a sanidade galega é un caos”
Esixe que “máis aló de cambios de nomes e postos”, urxe un “cambio de fondo que pasa por unha aposta directa pola sanidade pública” con “orzamentos reais e recursos”
O secretario de Sanidade e Saúde do PSdeG, José Miñones, advertiu hoxe que o “demoledor” informe do Consello de Contas sobre a xestión do Sergas constitúe unha “emenda á totalidade” da política sanitaria de Rueda e da Xunta de Galicia. O responsable socialista reclamou unha resposta política urxente diante do incremento das demoras, financiamento irreal e maquillado e unha xestión deficiente, como revela Contas.
Este informe, que fiscaliza a xestión do ano 2022, evidencia que os cambios na Consellería de Sanidade “deben ir moito máis aló de cambios de nomes e de postos”, que o único que van conseguir é “unha nova parálise” na sanidade galega.
Apuntou que os cambios anunciados esta semana pasada “chegan tarde” e non agochan o verdadeiro problema da falla dunha política sanitaria definida por parte do goberno galego, senón que “depende do conselleiro de turno”. Actualmente tódalas especialidades padecen o desleixo do Executivo de Rueda, cun incremento das esperas en Cirurxía dun 37 por cento e dun 52 por cento en probas diagnósticas, o que evidencia unha situación “insostible” de esperas “cronificadas”.
Miñones subliñou que “é necesario un cambio de fondo que pasa pola aposta directa pola sanidade pública” porque “a privatización da sanidade que está a levar a Xunta de Rueda non pode continuar”. Advertiu que o informe ratifica as demandas que viñan presentando os socialistas galegos, e que están a padecer o conxunto da cidadanía galega.
Reclamoulle á Xunta que “siga as indicacións do Consello de Contas e cese estas contratacións irregulares, que ademais realízanse sen o proxecto axeitado”, xa que segundo o ente fiscalizador “carecen de sustento e vulneran os principios de publicidade, libre concorrencia e transparencia”.
Cifras manipuladas
O propio Consello de Contas, sinalou, está a dicirlle a Rueda que “poña o foco na financiación e deixe de maquillar as cifras”, polo que lle reclamou un “sistema estable de financiamento, que permita o plantexamento duns orzamentos realistas, acompañados de medidas rigorosas para o seu cumprimento”. O informe revela un uso “inadecuado” do programa de imprevistos, que está a ser empregado para eludir os límites fixados normativamente para as transferencias de crédito”.
O Sergas non recoñece ademais a totalidade do gasto no que incorre, xerando desprazamento de gasto. Así, en 2022 foron 67,9 millóns de euros, pero deixaron de rexistrar 70,8 millóns de euros en gastos, co que rexistra un resultado orzamentario sobrevalorado de case 3 millóns de euros.
O responsable socialista apunta ademais que “unha vez máis a falta de transparencia é absoluta e moi grave”, xa que as contas rendidas non inclúen o Balance de situación nin a conta do resultado económico – patrimonial.
Miñones advirte que, coa xestión do PP, Galicia tense situado por debaixo da media do Estado en orzamento á sanidade pública, ata chegar a se desprazar ao décimo lugar, con 1.705 euros per cápita, e a última no canto ás retribucións dos MIR. Subliñou que “dificilmente pódense cubrir médicos de familia cando somos os que peor pagamos”, o que provocou que fora unha das autonomías con máis vacantes en medicina de familia.
Ceses áreas sanitarias
O responsable socialista apuntou que os cambios nas xerencias de Santiago, Ourense e Ferrol coñecidos hoxe evidencian que “a sanidade galega é un caos”, que xa suma dúas semanas de “ceses continuos na Consellería”. Lembra que “cando algo se cambia é porque non funciona” como consecuencia de 13 anos de gobernos do PP nos que “arrasaron á sanidade pública”, con listas de espera maquilladas, contabilidade opaca e contratación irregular.
Apuntou que “son moitos os síntomas que amosan a gravidade na que se atopa a sanidade pública galega”, e subliñou que, máis alá de cambios de cara, “pedimos un cambio de fondo no sistema, cun novo proxecto que aposte pola sanidade pública encabezado por un goberno que crea nela, dotándoa de orzamentos reais e máis recursos”.