Paloma Castro critica o voto en contra do PP no Parlamento á ampliación dos polígonos de Reigosa, Fragamoreira e O Campiño e a negativa a planificar un porto seco en Cerponzóns
A parlamentaria socialista Paloma Castro acusou hoxe a Xunta e PP de actuar como “lastre” para o despegue económico e industrial da comarca de Pontevedra. Así o dixo logo de que o PP votara en contra dunha proposición non de Lei presentada polos socialistas galegos na Comisión de Industria do Parlamento a favor que pedía un plan de choque para impulsar a industria na comarca de Pontevedra e reverter a “década de involución” provocada polo desleixo do goberno galego.
A responsable socialista reclamoulle á Xunta que amplíe os polígonos da Reigosa, Fragamoreira e O Campiño e que planifique un Porto Seco en Cerponzóns, que permitiría ampliar a industria vencellada ao porto. Criticou que o PP rexeitara esta iniciativa amosando, dixo, a “xestión miope” do goberno galego, incapaz de ver a situación estratéxica da comarca, con acceso fácil ao mar no Porto de Marín e á rede viaria a través da AP-9.
Acusou ao goberno galego de impedir o crecemento de Pontevedra, como demostra que deixaran sen desenvolver as iniciativas previstas para a área de Pontevedra no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de 2014. Ademais, sinalou que na segunda modificación daquel plan, aprobada en xaneiro de 2024, o goberno galego tampouco prevé ningunha ampliación na comarca de Pontevedra.
Advertiu que nestes momentos o Polígono do Campiño -Pontevedra- está totalmente saturado, o da Reigosa -Pontecaldelas- aínda necesita planificar a súa ampliación, e o de Fragamoreira -Poio- leva máis dunha década paralizado por interese electoral.
Instou ao goberno galego a seguir o exemplo das administracións gobernadas polos socialistas, que dende a Deputación desenvolveron o Polígono de Barro durante a etapa da presidencia de Carmela Silva. O mesmo sucede co goberno do Estado, dixo, que lle deu un impulso fundamental ao Consorcio da Zona Franca de Vigo, e puxo enriba da mesa a oportunidade única que representan o Plan de Recuperación e os fondos da UE.