Lembra que só o 30 por cento das vítimas presentan denuncia e emprazou á Xunta a presentar un Plan para adecuar os espazos destes xulgados
A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, reclamou a reforma e o reforzo dos xulgados que tratan asuntos de violencia de xénero para adecualos ás necesidades das vítimas que dan o paso de denunciar. Castro presentou unha pregunta oral para reclamarlle á Xunta un Plan destinado a adecuar os espazos dos xulgados que tratan casos de violencia de xénero.
A responsable socialista sinalou que os xulgados galegos deben dispor de espazos adecuados para garantir a seguridade e un clima amable para as vítimas e persoal suficiente e formado, tanto os exclusivos coma nos que coñecen de xeito prioritario temas de violencia machista.
Castro reclamou máis persoal e compensación económica pola carga de traballo e as características deses procedementos, así como garantir a formación do persoal funcionario asignado en materia de igualdade e perspectiva de xénero para favorecer o trato ás vítimas e a forma das tramitacións. Salientou que as vítimas deben dispoñer dunha atmosfera propicia para exteriorizar a súa situación, ademais de lugares de agarda nos que non se atopen co denunciado.
Lembrou que o goberno galego ten a competencia de xestión do funcionamento dos xulgados de Galicia, polo que reclamou un Plan de medidas de protección ás vítimas de violencia de xénero dentro das sedes xudiciais cun prazo de 4 anos para adecuarse ao Pacto de Estado e mellorar a seguridade e protección das vítimas.
O obxectivo, dixo, é garantir unha resposta firme e efectiva para amparar ás mulleres que dan o paso e animar a que as vítimas denuncien, xa que de acordo cos datos do observatorio de violencia de xénero, as mulleres que dan o paso tan só representan un 30 por cento do total de casos de violencia de xénero. Esixiu unha resposta “rápida e eficaz” da xustiza contra unha lacra que no que vai de ano custoulle a vida a 10 mulleres -1 delas galega- e 7 nenos e nenas.