Paloma Castro sinala que os escolares “merecen un entorno axeitado” e un espazo cuberto no que practicar deporte e que poida servir de patio de recreo nos días de chuvia
A parlamentaria socialista Paloma Castro reclamoulle hoxe ao conselleiro de Educación que habilite a cobertura da pista polideportiva do CEIP Ponte Sampaio, en Pontevedra. Castro presentou unha pregunta oral no primeiro Pleno da Lexislatura para urxirlle á Xunta “que garanta o entorno axeitado” que merecen os escolares do centro.
Dixo que “teñen dereito a ter un espazo cuberto individualizado para a práctica deportiva e o centro de lecer que reúna as características axeitadas”, e pediulle que “apliquen aquí ese plan de Nova Arquitectura Pedagóxica tan anunciado” e supostamente pensado para “afrontar os novos retos educativos”.
Advertiu que “existen posibilidades” dentro das condicións do espazo dispoñible, que pasan polo acondicionamento e peche da pista multideporte que se atopa no interior do colexio, ou ben realizar unha obra de ampliación e acondicionamento do espazo pechado anexo ao centro que xa está a ser empregado como patio semicuberto.
En calquera caso, emprazou ao conselleiro a “deixar de responder con evasivas” ás peticións da comunidade educativa deste centro, que se viu obrigada a habilitar pola súa conta unha aula na planta baixa para destinala a aula de educación física, e que tamén é comedor á hora do almorzo e a mediodía, salón de actos e espazo de recreo nos días de choiva.