O secretario xeral do PSdeG destaca que a sociedade galega quere “comparar propostas” dos distintos candidatos e non “un presidente que se esconda”
Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2024. O secretario xeral do PSdeG, Valentín Formoso, esixiu este mércores a Alfonso Rueda “non se agoche” dos galegos e galegas e “diga si” a debater co resto de candidatos, na liña do proposto polo candidato socialista, Gómez Besteiro, dende que se convocaron as eleccións.
Formoso incidiu na importancia de que nestas eleccións autonómicas teñan “por riba de todo, a esixencia do maior dos principios demócratas” como son os debates e a confrontación de ideas e proxectos ante a cidadanía.
O tamén presidente da Deputación da Coruña reclamou que haxa “moita presenza de debates” no camiño ata o 18 de febreiro, instando ao candidato do PP, Alfonso Rueda, a aceptar a proposta do PSdeG para celebrar os mesmos. “Non queremos un presidente da Xunta que se agoche, que se esconda ante a sociedade galega”, sinalou o socialista, quen entende que os galegos queren “que os valores de participación pública, participación política, de transparencia na xestión teñan cabidas nas autonómicas”.
Por elo, remarcou que os socialistas esixen a Rueda “un si ou un non” e “que non se agoche como fixo Feijóo nas eleccións xerais ante a sociedade española”, que non se agoche Rueda ante a sociedade galega”. Polo tanto, reclamoulle “que diga si á transparencia, que diga si á democracia, para que poida haber por fin debates políticos en Galicia”