O candidato socialista á Presidencia da Xunta chama a “escoller entre unha Galicia resignada ou elixir un futuro ilusionante, con esperanza e que nos poña á cabeza do crecemento en España e en Europa”
Avanza que Galicia “vai pasar páxina no 2024” co cambio na Xunta e di que “as cousas na nosa terra non van ben”, nunha clara referencia á mala situación económica
O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, enviou unha mensaxe de Fin de Ano á sociedade galega na que afirma que no 2024 “cos socialistas, Galicia vai dar a badalada”, en referencia ao cambio político que se producirá no goberno galego. Besteiro subliña na mensaxe: “Teño un compromiso inquebrantable co meu país, renunciei a todo por estar aquí, porque sei que imos espertar ese cambio que Galicia necesita”.
Así o dixo nunha mensaxe rodeado de emprendedoras, gravada no coworking do Concello de Ames -o único de Galicia no que medra a poboación- e emitida hoxe polas súas propias redes sociais e as contas do PSdeG. Nela amosouse “convencido” de que “tanto ti coma eu cremos que Galicia merece máis, moito máis”.
José Ramón Gómez Besteiro emprazou a “escoller entre unha Galicia resignada” e un futuro “ilusionante, con esperanza, que nos poña á cabeza do crecemento en España e Europa”. O candidato socialista defendeu o acordo como sinal político para que “non se perda ningunha oportunidade” como está a suceder coa estratexia de confrontación “con todos” despregada polo PP de Rueda.
Subliñou que os socialistas representan o cambio “positivo e con garantías” que permitirá “pasar páxina da inercia que adormece, do conformismo de quen nos goberna hoxe” e que provoca que “levemos anos estancados, sen dirección”. Fixo alusión aos 14 anos de gobernos de Feijóo e Rueda que provocaron que “as cousas na nosa terra non vaian ben”.
Así, sinalou que “cada vez somos menos en Galicia, os nosos servizos públicos desaparecen, a nosa xente marcha de aquí”, en alusión aos 60.000 mozos e mozas que marcharon de Galicia na última etapa de goberno do PP. Esta cifra é equivalente a toda a poboación dunha cidade como Ferrol, o que supón “unha realidade que non estou disposto a asumir”.
X / Twitter – https://x.com/jrgomezbesteiro/status/1741056033316077848?s=20
Facebook – https://fb.watch/pfJCbqoxUh/
Instagram – https://www.instagram.com/reel/C1eaJ-ZtgOh/?igsh=MWJhdzMxZWl4cTgxeA==
Tik Tok – https://vm.tiktok.com/ZGeYmrRpt/