Lage Tuñas lembra que foi o PP o que ampliou a concesión, privatizou as autoestradas e paralizou a transferencia, mentres os socialistas son os que amplían as bonificacións
O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, reclamoulle hoxe a Rueda e ao PP que “deixen de tomarlle o pelo aos galegos e ás galegas” empregando as autovías como ariete para confrontar co goberno central. Así o dixo logo das críticas do PP ás peaxes das autoestradas galegas.
O responsable socialista lembrou que o goberno de Pedro Sánchez foi o que garantiu unha partida de 43,7 millóns de euros anuais para bonificar as peaxes. Ademais, engadiu que a xestión de Besteiro no equipo que acadou o acordo de goberno foi a que garantiu o incremento das bonificacións das peaxes da AP9 e da AP53 do 20 ao 75 por cento.
Puntualizou que “desafortunadamente para o PP, os galegos e as galegas temos memoria” para lembrar que foi o PP o que en 2003 decidiu ampliar a concesión da AP9 ata 2048 e o que privatizou Audasa. Pola súa xestión, dixo, en lugar de ter unha autopista libre de peaxe dende 2023, os galegos e galegas “estamos agora nesta situación, condenados a pagar por circular pola autoestrada ata 2048”.
Defendeu ademais a “coherencia” dos socialistas, que piden a transferencia da autoestrada dende o ano 2005, mentres o PP impedía incluso que se debatera no Congreso cando Ana Pastor era presidenta da Cámara e Rajoy presidente do goberno. Só se acordaron da transferencia cando se conformou o goberno de Pedro Sánchez, e só para utilizar a autoestrada como ariete na súa estratexia de confrontación.
O PP, dixo, “demostra cada día que non quere mellorar a vida dos galegos e das galegas e que só quere provocar conflito”, como demostrou no último debate da transferencia no Parlamento de Galicia, o pasado 19 de decembro. Explicou que “o PP non quixo nin escoitar falar das emendas presentadas polo PSdeG para ampliar as bonificacións e situarnos no camiño da gratuidade da autoestrada”.