O candidato á Presidencia da Xunta polo PSdeG participou en Lugo xunto á Alcaldesa na campaña Adopta ou bota unha pata, impulsada por Xuventudes Socialistas para concienciar á cidadanía sobre o benestar animal e previr o abandono de mascotas, sobre todo nestas datas navideñas
O candidato do PSdeG-PSOE á Presidencia da Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, participou este mércores xunto á Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, na campaña Adopta ou bota unha pata, impulsada por Xuventudes Socialistas de Lugo para concienciar á cidadanía sobre o benestar animal e previr o abandono de mascotas no Nadal. Un encontro no que Besteiro fixo un chamamento á “adopción animal responsable, especialmente nestas datas” porque “os animais non son xoguetes. As mascotas son un membro máis da familia”.
No ano 2022 naceron 15.000 bebés en Galicia e rexistráronse 65.000 cachorros, segundo datos oficiais do Círculo de Empresarios de Galicia, e, segundo o rexistro oficial da Xunta, por cada 4 persoas en Galicia hai un can, sendo a comunidade galega a cuarta do país con maior taxa de cans. Uns datos que poñen de manifesto “a responsabilidade que debemos ter coas nosas mascotas” e que son “outro exemplo claro de que a poboación galega vai a menos, baixa, e, polo tanto, Galicia ten cada vez menos peso en España”, subliñou Besteiro.
Coa súa participación na campaña Adopta ou bota unha pata, o candidato socialista á presidencia da Xunta apoiou tamén unha recollida de alimentos para animais abandonados. A Praza Maior acolleu as actividades, que incluíron seguidamente unha ruta solidaria polo centro de Lugo para concienciar á poboación da importancia de non abandonar aos animais.