O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta amosa a súa satisfacción por-que Rueda lle faga caso e convoque “por fin” as eleccións “que afrontamos unidos e preparados”, sinalou
“A Galicia quédanlle 59 días para despedirse deste goberno triste e que gañe a esperanza”, remarcou Besteiro
José Ramón Gómez Besteiro, candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, reaccionou este xoves á convocatoria das eleccións galegas para o 18 de febreiro asegurando que “os socialistas galegos somos os únicos capaces de liderar o cambio seguro en Galicia”.
O candidato dos socialistas galegos amosou a súa satisfacción polo adianto electoral anunciado hoxe polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, logo do Consello de Goberno. “Alegrámonos moito de que Rueda nos fixera caso e convocara as eleccións. Xa falta menos para que Galicia pase dun goberno de confrontación a un goberno que ofreza solucións”, alegou Besteiro.
“Os socialistas galegos estamos unidos, preparados e somos os únicos capaces de liderar o cambio seguro en Galicia”, remarcou o tamén deputado lucense, quen incidiu en que o PSdeG é un partido con “traxectoria, equipo e un proxecto absolutamente claro”.
“A Galicia quédanlle 59 días para despedirse deste goberno triste e que gañe a esperanza”, concluíu un Besteiro que se amosa optimista de cara a estes comicios.