O portavoz do Grupo Socialista retrúcalle a Rueda que “o problema non é unha Lei, é vostede e as súas políticas” que teñen lastrado o desenvolvemento de Galicia
Empraza a convocar eleccións “cando queira” porque o PSdeG, con Besteiro á cabeza, está “preparado para gobernar Galicia: vémonos nas urnas”
O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, sinalou hoxe que Rueda “deixa unha Galicia máis empobrecida” logo de 14 anos na Xunta “queixándose de todo e de todos pero non facendo anda”, e unha última etapa como presidente na que “non decidiu nada en Galicia nin por Galicia”. Álvarez empregou a última sesión de control do ano para facer balance da xestión “desastrosa” de Rueda.
O responsable socialista desafiou ao presidente da Xunta a convocar as eleccións “cando queira”, porque “estamos preparados e preparadas para gobernar Galicia”, e remachou: “vémonos nas urnas”. Lamentou a falla de autonomía de Rueda, que convocará eleccións, dixo, cando lle indiquen Feijóo e Ayuso, antes de apuntar que os galegos e galegas “merecemos un presidente que pense e queira a Galicia”, logo de que hoxe non confirmara que ía rematar a Lexislatura.
Engadiu que “xa é hora de que o PP perda para que Galicia gañe”, e adiantou que o PSdeG está “preparado para darlle o cambio a Galicia”, fronte a un PP que “pasou xa de freada” na súa estratexia de “crispación e enfado permanente”. Advertiu que diante dunha confrontación estéril co goberno do Estado “non poden soportar ver como Besteiro consegue máis cousas para a nosa terra en meses que vostedes en anos”.
Afeoulle que en contra da súa aparencia de “estar tan seguros”, a realidade é que “non paran de amosar unha intranquilidade desquiciante” fronte ao candidato socialista. Advertiu ao PP que “non vendan a pel do oso antes de cazalo”, como fixeron ao comezar a repartir “carguiños” no goberno do Estado antes das eleccións xerais, e logo de ter feito “o imposible por apartar a Besteiro da carreira electoral”.
Álvarez retrucoulle ás alusións do presidente da Xunta á política nacional puntualizando que “o problema de Galicia non é unha Lei, é vostede e as súas políticas”, logo de afearlle que critique a candidatura de Besteiro cando “o home anuncio, o da publicidade e a propaganda”, son o candidato do PP e os anuncios electorais despregados nas últimas semanas.
Balance
O portavoz socialista fixo balance no que pode ser a última sesión de control da Lexislatura, logo de 14 anos de gobernos de Feijóo e Rueda que culminan cunha renda per cápita 700 euros por debaixo da estatal, unha Galicia menos dinámica economicamente, pero “cunha baixada de impostos ás grandes fortunas”. A súa xestión supuxo a parada da construción das infraestruturas e unha industria empobrecida e o desemprego da xente moza que triplica á media do Estado.
No caso dos servizos públicos, deixan á Comunidade Autónoma coa menor porcentaxe de prazas en residencias públicas, na que suprimiron a gratuidade dos libros de texto, cun sistema educativo precarizado e os “recortes, recortes e máis recortes” en sanidade que provocaron por primeira vez listas de espera na atención primaria. Ademais, suprimiron a tarxeta básica e provocaron o deterioro das políticas de conservación do medio ambiente.