O presidente do goberno e secretario xeral do PSOE revela en Santiago que Besteiro rexeitou ser nomeado ministro para ser o próximo presidente da Xunta de Galicia.
Xunto a Pedro Sánchez, a ministra de Facenda, María Jesús Montero, e numerosos alcaldes e alcaldesas e militantes arrouparon ao candidato á Presidencia de Xunta na inauguración desta Convención
Da Convención Política do PSdeG-PSOE, que se celebra esta fin de semana co lema “Agora camiña Galicia”, sairá o documento marco do programa electoral cara ás vindeiras autonómicas que “queremos gañar”
O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, dixo hoxe en Santiago que “chegou o momento de que a dereita perda para que Galicia gañe, e non me conformo só con gobernar: quero gañar”. Así o afirmou con contundencia na inauguración da Convención Política do PSdeG, na que o presidente do goberno, Pedro Sánchez, revelou que Besteiro rexeitou dirixir un Ministerio para “ser o próximo presidente da Xunta de Galicia”.
Besteiro abriu a súa intervención asegurando que esta Convención é “unha mensaxe alta e clara do Socialismo galego ao noso país: Estamos listos e preparados para gañar as vindeiras eleccións”. En alusión ao lema “Agora Camiña Galicia” Besteiro explicoi que “chegou o momento de camiñar nós e darlle a Galicia o impulso que merece”.
Amosouse orgulloso da unidade do PSdeG e anunciou que “Xa estamos aquí! Vaia se estamos aquí, porque Galicia precisa de nós, das e dos socialistas (…) estamos hoxe aquí, porque non asumimos a apatía como forma de goberno e a inercia coma folla de ruta”. Para afirmar que “os socialistas galegos somos a única alternativa real e viable (…) para alcanzar a mellor versión de Galicia (…) un cambio de modelo, é a transición cara a unha Galicia xusta, próspera e igualitaria”.
Besteiro agradeceu ao presidente do Goberno de España que atopara día na súa axenda europea para estar na Convención galega, pero “se alguén neste mundo é capaz de facer posible o imposible, ése es ti”. O tamén deputado nacional por Lugo fixo unha breve enumeración de todos os investimentos que o Goberno de Sánchez trouxo a Galicia e recalcou que “foi o mellor presidente para Galicia que Rajoy ou Feijóo”.
O presidente do Goberno de España e Secretario Xeral do PSOE, Pedro Sánchez, e a ministra de Facenda, María Jesús Montero, acompañaron ao candidato do PSdeG á Presidencia de Xunta nun acto que abriron o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a alcaldesa da Coruña e vicepresidenta da Femp, Inés Rey.
Pedro Sánchez
O secretario xeral do PSOE e presidente do Goberno, Pedro Sánchez, dixo hoxe que 2024 “vai ser o ano do cambio en Galicia” da man do “extraordinario líder José Ramón Gómez Besteiro”. Sánchez interveu na apertura da Convención Política que o PSdeG está a celebrar esta fin de semana en Santiago de Compostela para fixar as bases do proxecto político liderado por Besteiro.
O presidente do goberno ensalzou a figura do candidato do PSdeG que, segundo revelou hoxe, rexeitou formar parte do goberno de España como ministro porque aspira a ser o próximo presidente da Xunta de Galicia. Sánchez anticipou que o próximo ano “haberá cambio, teremos novo presidente” na Xunta, que permitirá a coordinación co goberno de Madrid para “facer avanzar a Galicia”.
Dixo que o líder do PSdeG representa á “Galicia que avanza con ganas” e que “non se resigna, non quere máis prórrogas nin máis momentos de parálise, de resignación e de falla de compromiso social”. Así quedará reflectido no proxecto que están a definir os socialistas galegos na Convención desta fin de semana, e que contara “cos mellores equipos” para darlle un impulso ás institucións galegas”.
O presidente do goberno reivindicou os avances para Galicia dende o goberno de España, como a chegada do AVE a Galicia, e que confirmou onte o investimento de 105 millóns de euros para modificar o Plan de Redes de Transporte de Enerxía Eléctrica, con investimentos fundamentais para Stellantis en Vigo, para As Pontes ou para Ferrol.
Reivindicou o esforzo para “poñer en pé” a industria de Ferrolterra co inicio da construción da segunda fragata F-110 en Navantia ou a nova fábrica de Bloques, que permitirán que a comarca supere a situación provocada polo PP, que puxo “en risco” a súa viabilidade económica e financeira”. Advertiu que a situación aínda podería ser moito mellor “se tivéramos un goberno en Galicia que cooperara en lugar de confrontar”.
Por iso lanzou unha “mensaxe de cambio político en Galicia” cun proxecto socialista “comprometido cos dereitos da sociedade” e que permita que a Comunidade Autónoma “avance” fronte á “parálise” provocada polos gobernos de Feijóo e Rueda.
Convención Política
Sánchez e Besteiro abriron a Convención Política que se celebra esta fin de semana na Cidade da Cultura, e na que os socialistas galegos elaborarán un documento marco do que partirá o programa electoral do PSdeG. Os socialistas galegos sumarán as aportacións dun milleiro de representantes do partido e da sociedade civil, que incluirá profesionais independentes de prestixio.
Estes participarán en cada un dos catro paneis propostos polo PSdeG como eixos irrenunciables para que Galicia poda acadar o progreso e saia do estancamento á que a conduciron os últimos gobernos populares de Feijóo e Rueda.