O candidato socialista á Presidencia da Xunta considera que a vicepresidenta primeira do Goberno é a mellor ministra de Economía que tivo España e felicítase do “merecido recoñecemento” que este nomeamento supón tamén para Galicia.
Lugo, 8 de decembro de 2023. “A elección de galega Nadia Calviño como presidenta do Banco Europeo de investimentos é, sen dúbida, un respaldo á política económica dos socialistas, ademais dun merecido recoñecemento á mellor ministra de Economía que tivo España”, con estas palabras o candidato socialista á Xunta de Galicia e deputado nacional, José Ramón Gómez Besteiro, felicitaba á vicepresidenta primeira do Goberno de España, tras coñecerse o seu nomeamento como presidenta do Banco Europeo.
Besteiro engadiu que “para o socialismo galego é moito máis: é un orgullo ter a unha de nós presidindo o principal banco público da Unión Europea” e suliñou o prestixio que supón a súa designación porque “a diferenza dos gobernos do PP, desde a chegada de Pedro Sánchez á presidencia, o peso de España en Europa non parou de medrar. E a elección de Nadia é outro bo exemplo da boa xestión económica dos socialistas”.
Besteiro tivo tamén palabras de agradecemento para Nadia Calviño ao recordar que, cando foi nomeado como candidato socialista á Presidencia da Xunta de Galicia e malia á súa apretadada axenda, a nova presidenta do Banco Europeo de Investimentos “fixo o imposible” por estar presente xunto a el e todos os socialistas de Galicia nun acto tan significativo. Besteiro recordou as palabras que entón pronunciou “grazas por colocar a Galicia no lugar que lle corresponde” e nas que xa daquela destacou que Nadia Calviño era “un orgullo e un exemplo de como as socialistas galegas defendemos a Galicia desde os sitios máis importantes: Europa, Consello de Ministros”.