Begoña Rodríguez Rumbo critica a “nefasta planificación” do goberno galego, que “ano tras ano” modifica os Orzamentos ao día seguinte da súa aprobación
A viceportavoz do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, advertiu que os Orzamentos da Xunta para o ano 2024 son unha “oportunidade perdida” por canto “carecen do despregamento de medidas sociais que Galicia necesita”. A responsable socialista interveu ao inicio do debate en Comisión do ditame dos Orzamentos, que se prolongará ata o próximo martes antes de que queden listos para a votación final no Pleno do Parlamento.
Rodríguez Rumbo lamentou que durante os últimos 14 anos de gobernos de Feijóo e Rueda, e sinaladamente logo dos 7 anos de crecemento económico previos á pandemia, o PP “non foi capaz de facer dende a Xunta o esforzo necesario para soster os elementos do Estado do Benestar”. Advertiu que a día de hoxe “deixan descubertos os ocos provocados pola precarización e os recortes” das políticas neoliberais aplicadas polo PP.
A parlamentaria socialista explicou que estes Orzamentos fracasan ao perpetuar as “grandes eivas da sanidade, educación ou acceso á vivenda”, ademais de que eluden abordar a “cura ás feridas sociais, a cohesión territorial e a sangría demográfica”. Reclamou un Orzamento alternativo que “dea resposta aos retos inmediatos e de futuro para unha Galicia máis verde, dixital e cohesionada territorial e socialmente sen que ninguén quede atrás”.
Acusou ao PP e o goberno galego de “mentirlle á poboación” sistematicamente ao presentar unhas contas que son modificadas ao día seguinte de ser aprobadas, e que perpetúan unha xestión nefasta que deriva en “menos empresas, menos poboación e a xente moza marcha”.
A tamén portavoz de Orzamentos do Grupo Socialista cualificou de “tomadura de pelo” que o PP aceptara tan só 3 das 73 emendas presentadas ao articulado dos Orzamentos, ademais dunha transacción. Lembrou que estas iniciativas son “exactamente as mesmas” que aprobaron o ano pasado, e que seguen sen incorporar aos novos Orzamentos “para que as volvamos presentar e as volvan aceptar”.
Sinalou que entre as propostas presentadas polos socialistas galegos inclúen unha batería de medidas para mellorar a transparencia e bo goberno, sinalando os beneficios fiscais que buscan coas rebaixas de impostos aos máis ricos, así como fixar un límite máximo ás transferencias de crédito autorizadas polas consellerías.
Reclamou unha relación dos expedientes das contratacións que superen os 3.000 euros e impedir que os contratos de colaboración público privada afecten aos servizos públicos básicos, ademais dun plan de publicidade e colaboración institucional facendo públicos os gastos en publicidade e propaganda. Os socialistas galegos propoñen a creación dunha Oficina Orzamentaria no Parlamenta para garantir asesoramento técnico na elaboración e seguimento dos Orzamentos.
Finalmente, reclamou o desbloqueo do Fondo de Cooperación Local, que permanece inamovible dende a chegada do PP á Xunta, malia que teñen multiplicado as responsabilidades aos concellos sen achegarlles financiamento adicional. Reclamou o incremento da contía entregada aos concellos, tamén para facer fronte ás competencias propias da Xunta que lles obrigan a asumir, e que acorden coa Fegamp o incremento do que denominan Fondo de Cooperación Local Adicional.