Este investimento, segundo o candidato socialista á Xunta, “permitirá incrementar a produción de pataca ao garantir o abastecemento de auga de xeito sostible e eficiente e cun aforro de numerosos custes”
José Ramón Besteiro, candidato socialista á Presidencia da Xunta de Galicia, congratulouse de que o Goberno de España destine 35 millóns de euros para a modernización e consolidación do regadío da comarca da Limia, trala sinatura do ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas coa Sociedad Mercantil Estatal de Infraestructuras Agrarias (Seiasa).
No convenio asinado a pasada semana inclúese unha addenda que incrementa en case 20 millóns de euros ás previsións iniciais destinadas a este fin, que ían ser de 15,9 millóns. Deste xeito, convértese en realidade a xestión iniciada en 2008 pola ministra socialista Elena Espinosa, e que quedara relegada ata o de agora polos gobernos populares. Estas obras, declaradas de interese xeral, son un exemplo de colaboración público-privada.
Besteiro destacou a importancia de que “grazas a estes fondos se pode executar e impulsar un regadío sostible e eficiente, fundamental para o sector da pataca que só na comarca da Limia produce uns 120 millóns de quilos ao ano e que, ata o de agora, se sostiña cun sistema precario de pozos”. O acordo implica que “1.855 regantes poderán incrementar a produción de pataca porque van ter un maior rendemento e abastecemento de auga de forma máis eficiente, máis sostible e aforrando numerosos custes”, engadiu.
A Xunta do popular Alfonso Rueda limítase a facer propaganda e vender fume canto á política agraria fronte aos investimentos e as accións como a que ven de realizar o Goberno de España que si teñen repercusión real no sector agrícola e, xa que logo, na vida das persoas que o integran. É o caso da Limia, fronte a 40 pozos feitos por Rueda (un investimento de 6,5 millóns de euros dos que menos da metade eran de fondos propios) o goberno socialista de Sánchez trae a modernización plausible do regadío existente.
Isto permitirá un importante aforro de auga, enerxético e de custes, ademais de posibilitar un incremento da produción e garantir o futuro do rural e das súas xentes. Besteiro subliñou que esta actuación para o regadío sostible aportará maior rendibilidade e produtividade para unha poboación crecente con recursos hídricos cada vez máis escasos pola crise climática.
De feito, estes cartos favorecen a case 2.000 regantes que cultivan un total de 2.576 hectáreas nos municipios ourensáns de Xinzo da Limia, Trasmiras, Sarreaus e Porqueira. Nesta zona as patacas contan con denominación xeográfica e se cultivan principalmente dous tipos: a Kenebec, para consumo xeral, e a Agria, para elaboración industrial de tipo snacks. En ambos casos esta produción vese moi afectada pola emerxencia climática, xa que a seca non lles permite medrar e o exceso de choiva conleva o podrecemento do tubérculo ou enfermidades de carácter fitosanitario.
O Goberno de España aporta o 80% do investimento subvencionable (sen IVE) a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), cofinanciados en parte polo Fondo Europeo Agrario de Desarrollo Rural. Pola súa banda os regantes fanse cargo do 20% restante e o IVE. Con esta modernización melloraránse as redes de distribución de rego, as balsas, as acometidas eléctricas, financiarase a instalación de placas fotovoltaicas para obtención de enerxía verde, etc. de modo que se dará estabilidade á produción de xeito eficiente e respectuoso co medio ambiente.
Con Besteiro estiveron o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso (presente este xoves na sinatura do convenio en Madrid co ministro); as deputadas autonómicas por Ourense Carmen Rodríguez Dacosta e Marina Ortega, así como o deputado Eduardo Ojea, Álvaro Vila, voceiro socialista na Deputación de Ourense, o alcalde de Taboadela e vicesecretario provincial do PSdeG-PSOE na provincia, así como outros deputados provinciais), Elvira Lama ex-alcaldesa y actual concelleira de Xinzo (directamente implicada na loita pola modernización do regadío na comarca), así como vicevoceira socialista na Deputación ourensá, Marga Martín, deputada no Congreso, e Rafael Villarino, senador e secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense.