O secretario de organización do PSdeG asegura que as peaxes en Galicia “teñen a autoría do Partido Popular” e os “nomes e apelidos de Aznar, Rajoy, Feijóo e Rueda”
José Manuel Lage Tuñas, secretario de organización do PSdeG, tachou este domingo de “broma de mal gusto” que o PP fale do custo das peaxes das autoestradas galegas, xa que lembrou que “as implantou ou as prorrogou sucesivamente o Partido Popular condenando aos galegos e ás galegas a pagalas durante case un século”.
Lage Tuñas respondeu así ás declaracións realizadas no día de onte pola conselleira do goberno galego, Ethel Vázquez, criticando a a posta en valor por parte do candidato socialista Besteiro das bonificacións das peaxes na AP-9 e na AP-53 instauradas polo goberno de España.
O secretario de organización replicou dende un acto dos socialistas vascos en Bilbao ao que foi convidado, no que apoiou ao candidato Eneko Andueza, e compartiu espazo con Salvador Illa, primeiro secretario do PSC, e Patxi López, ex lehendakari e portavoz do PSOE no Congreso.
“Menuda broma de mal gusto escoitarlle ao goberno de Rueda falar do caras que son as peaxes nas autoestradas galegas”, apuntou o socialista que remarcou que “só foron gobernos socialistas os únicos que interviron e seguen intervindo para rebaixar ou eliminar as peaxes”.
Do mesmo xeito lembrou que o tramo da AP-53 que conecta Lalín e Ourense e depende do goberno galego está libre de custo para os usuarios grazas a que así o decidiu o socialista Pérez Touriño. Así mesmo, fixo referencia a que os primeiros levantamentos de peaxes, en Rande e A Barcala, fixéronse co goberno socialista de Touriño na Xunta e o de Zapatero na Moncloa.
Por elo, Lage concluíu asegurando que “cada vez que alguén pase por unha barreira das peaxes nas autoestradas galegas teñen que saber que teñen a autoría do Partido Popular, e teñen nomes apelidos os de Aznar, de Rajoy, de Feijóo e agora de Rueda”.