Julio Torrado contrasta a figura do ministro de Sanidade e a súa defensa do diálogo fronte aos “salvaxes que necesitan do conflito”
O viceportavoz do Grupo Socialista, Julio Torrado, advertiu que as descualificacións e a “algarada” emitidas hoxe polo PP ante a lembranza do aniversario do asasinato do ministro de Sanidade socialista Ernest Lluch “os invalidan no plano político e tamén noutros planos”. Así o dixo logo de ser increpado polo PP por defender a figura de Lluch ao inicio do debate dunha moción para reclamar o reforzo da saúde mental en Galicia.
Torrado esixiu “un mínimo de dignidade persoal” a “algúns” deputados e deputadas do PP, e dedicou a súa intervención de peche a lembrar a figura do político socialista que puxo en pé a sanidade pública e que foi asasinado o 21 de outubro de 2000. Salientou que Lluch “quixo falar con todos e probablemente por iso o mataron, porque tendía pontes e os salvaxes necesitan do conflito e de arietes”.
Sinalou que o político catalán fora no seu día “vilipendiado por socialista e tamén por facer tódolos esforzos por dialogar”, e advertiu que a política atopa hoxe “a mesma dicotomía entre dialogar ou confrontar”, e reivindicou “a política que resolve conflitos”, e pediu “por favor que non serva para crealos”.
Así o dixo no debate dunha moción que se viu “manchada” pola “actitude frentista” do PP. Esta iniciativa pedía o reforzo dos servizos de saúde mental en Galicia, aumentar a dotación de Recursos Humanos para equiparar o servizo de saúde mental coa media das comunidades autónomas a fins de 2024, e a convocatoria de tódalas prazas de formación especializada nas categorías de saúde mental, pero foi rexeitada polo PP.
Torrado reclamou a posta en funcionamento dunha unidade de hospitalización infanto – xuvenil en cada área sanitaria de Galicia, ademais de fortalecer as labores de coordinación entre os servizos sanitarios e o sistema educativo e unha nova estratexia de centros máis dispersos e vencellados ao territorio para pacientes crónicos que precisen de internamento.
Apuntou que o goberno galego ten “suspendido” en saúde mental, e “estamos xa cansos de chivarlle as respostas”, e por iso fai falta “un novo goberno en Galicia” liderado polo candidato socialista José Ramón Gómez Besteiro a partir das eleccións autonómicas do próximo ano, que terá á Saúde Mental como “un reto enorme e maiúsculo”.