O candidato socialista á presidencia da Xunta sinala que o novo Executivo estará “centrado nas cousas dos galegos” mentres Feijóo e Rueda permanecen “centrados en asuntos que nin lle ocupan nin lle preocupan” a Galicia
O candidato socialista á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, salientou hoxe o “claro compromiso con Galicia” do novo Executivo de Pedro Sánchez. Así o dixo na toma de posesión dos ministros do goberno ás que asistiu como convidado persoal logo de participar na constitución da Deputación Permanente do Congreso da que forma parte.
Gómez Besteiro asistiu á toma de posesión da ministra voceira e responsable de Educación, FP e Deportes, Pilar Alegría, da vicepresidenta primeira e ministra de Economía, Comercio e Empresa, Nadia Calviño, do ministro de Transformación Dixital, José Luis Escrivá, e do ministro de Industria e Turismo, Jordi Hereu.
Apuntou que o goberno de Sánchez estará “centrado en Galicia” a diferenza de Feijóo e Rueda, capaces “capaces de votar ata en contra do galego”, aludindo á votación do PP en contra do uso desta lingua no Congreso, e que están preocupados de “cousas que nin lle preocupan nin lle ocupan aos galegos e galegas”.
Así o dixo logo de participar na toma de posesión de Nadia Calviño, a “mellor ministra de Economía que tivo España”, que é “unha coruñesa admirada en toda Europa que sempre leva Galicia alí onde exerce”.
Gómez Besteiro agradeceu a invitación persoal á toma de posesión da ministra voceira do goberno, Pilar Alegría, na súa nova responsabilidade, na que ademais dará continuidade á súa traxectoria como titular de Educación, na que despregou “un inmenso traballo pola educación pública”.
Salientou o papel de Alegría na defensa da FP, que conseguiu a maior mobilización da historia de recursos para esta modalidade educativa, con 2.200 millóns de euros do Fondo de Resiliencia cos que converteron á Formación Profesional nunha “peza estratéxica do noso sistema educativo”.