Noa Díaz reclama a incorporación da educación afectivo – sexual ao currículo educativo e critica o xiro do PP respecto do abolicionismo da prostitución
A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Noa Díaz, criticou hoxe a Lei de Igualdade da Xunta, que considera un texto “conformista, que conxela a loita do feminismo” e “semella pensada e executada para non molestar á extrema dereita”. Así o dixo no debate final desta Lei, no que os socialistas se abstiveron e que foi aprobada só co foto favorable do PP.
Díaz advertiu que se trata dunha norma “excesivamente marcada polas teses da dereita”, e que “non está pensada para tódalas mulleres, non avanza na consecución de dereitos dos colectivos de mulleres que sofren maior desigualdade e non parece estar pensado dende o feminismo”. Explicou que os socialistas presentaran 234 emendas, das que só incorporou finalmente 35 delas e 1 transacción, sobre “cuestións mínimas e formais sen contido”.
Sinalou que se trata dunha Lei “manifestamente insuficiente, que non responde ás expectativas que demanda a sociedade nin supón unha ferramenta que vaia poder resolver os retos futuros máis inmediatos”. Ademais de “blindar por Lei” ás entidades antiabortistas, a norma confirma o xiro na postura abolicionista do PP respecto da prostitución, que coa nova redacción “asume que non todas as mulleres prostituídas sofren explotación”.
Lamentou que deixe de lado tódalas obrigas en materia educativa, de saúde das mulleres, de saúde sexual e reprodutiva, de representación equilibrada e que tampouco avance en materia de corresponsabilidade.
Educación Afectivo – Sexual
Noa Díaz lamentou a negativa do PP a incorporar a educación afectivo – sexual no currículo educativo, tal e como obriga a Lei de Liberdade Sexual e que supón o “primeiro chanzo para rachar coas desigualdades”. A responsable socialista presentou no Pleno do Parlamento de hoxe unha proposición non de Lei que precisamente reclámalle á Xunta que incorpore esta materia no ensino obrigatorio, pero que será votada mañá mércores.
Tamén reclamoulle á Xunta que despregue unha campaña de grande alcance dirixida á mocidade sobre o perigo do consumo de contidos dixitais pornográficos baseados na violencia sexual contra as mulleres dirixida a tódolos centros educativos e os concellos de Galicia, e dispoñible para calquera organización que o solicite.
A responsable socialista interveu na comparecencia da conselleira de Igualdade que tivo lugar tamén hoxe no Pleno do Parlamento, á que lle advertiu da “falla dunha resposta contundente” por parte do goberno galego” diante do incremento exponencial da violencia sexual entre a xente máis nova. Esixiulle ao PP e ao goberno galego que “volvan ao consenso democrático no que a loita contra a violencia machista era unha liña vermella real dos gobernos”.
O foco no agresor
Reclamou “unha acción contundente que poña o foco no agresor” e non na vítima e afeoulle a reposta “absolutamente insuficiente” mentres os delitos sexuais aumentan un 87,5 por cento en Galicia entre 2016 e 2022, chegando neste último ano a bater os máximos históricos en delitos de carácter sexual, e cando no que vai de 2023 dúas mulleres galegas foron asasinadas.
Afeoulle os “esforzos máis ben escasos” do goberno galego no canto á protección e apoio ás mulleres vítimas de violencia de xénero, que aumentan dunha maneira “insuficiente” a custe de suprimir partidas necesarias.
Explicou que os 16 millóns de euros que dedica o goberno galego á loita contra a violencia machista están “moi lonxe dos 31 que dedicaba o goberno presidido por Pérez Touriño, e só manteñen o tipo grazas ás transferencias do Pacto de Estado, o FSE e o Programa de Recuperación.