O candidato socialista á presidencia da Xunta esíxelle ao goberno galego que exerza as súas competencias no saneamento e rexeneración das rías galegas
O candidato socialista á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, visitou hoxe o banco marisqueiro de Rianxo, onde lle reclamou á Xunta que poña en marcha axudas extraordinarias para as mariscadoras e mariscadores da Ría de Arousa afectadas pola mortalidade de bivalvos. O responsable socialista esixiulle ao goberno galego que exerza as súas competencias na rexeneración das rías galegas.
Besteiro comezou reclamándolle á Xunta que tome “medidas excepcionais diante de situacións excepcionais” en forma de axudas ao paro que as mariscadoras e os mariscadores “piden con razón” polas perdas ocasionadas pola perda de produción.
Tamén lle reclamou ao goberno galego que asuma as súas competencias en materia de rexeneración e saneamento das rías, e afeoulle que “está a outras cousas que non nos ocupan nin nos preocupan aos galegos e galegas”. Esixiu un trato específico das rías como “zona marca” de Galicia, pola súa importancia a nivel produtivo para a economía de Galicia.
O responsable socialista reclamou unha “rexeneración constante das rías” con plans anuais da Xunta baseados en estudos técnicos multifuncionais que garantan o saneamento continuo destas zonas produtivas. Tamén reclamou un protocolo de baleirado dos encoros que están a producir a chegada masiva de auga doce aos bancos marisqueiros, provocando a mortaldade masiva.
Así o ratificaron tanto a presidenta da Asociación de Mariscadoras a Pé de Rianxo, Arantxa Abuín, e o patrón maior, Miguel Iglesias, que confirmaron que por exemplo os bancos dos Lombos do Ulla rexistraron “salinidade cero moitos días”.
Reclamaron axilidade na tramitación administrativa por parte do goberno galego para decretar o peche da temporada de marisqueo e que decrete a situación catastrófica do banco marisqueiro para desbloquear a chegada das axudas das que dependen 145 familias desta zona e que teñen que agardar en torno a 4 ou 5 meses para recibir os ingresos.
Reclamaron ademais que Augas de Galicia autorice un plan de retirada dos lodos, que “estamos pedindo e non nolo dan”, mentres os fangos “aumentan dun día para outro”, provocando a caída da produción.