Silvia Fraga denuncia que a Xunta “debátese entre o inmobilismo e a metedura de zoca” no relativo á Igualdade e agarda que non caia “no negacionismo das súas amizades perigosas”
A secretaria de Comunicación do PSdeG, Paula García, apuntou a necesidade de “representar e alertar” sobre os novos tipos de violencias sexuais como a sextorsión ou o grooming
A secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga, presentou este luns a campaña dos socialistas galegos de cara ao 25N centrada na prevención de violencia sexual entre a xente moza, especialmente a que ocorre nas novas tecnoloxías.
A responsable en materia de Igualdade remarcou a importancia de atender cara ás novas xeracións, ante o aumento da violencia contra as mulleres neste ámbito, así como poñer o foco nos perigos das novas tecnoloxías para a proliferación destas condutas e que están bastante naturalizadas, como así fan na súa campaña para o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
Así mesmo, sinalou que a súa campaña poñen “o foco sobre os agresores, que é sobre quen debe poñerse”, como critica que non fai a Xunta de Galicia que “debátese entre o inmobilismo e a metedura de zoca” no relativo á Igualdade, segundo a socialista.
Fraga fala da “metedura de zoca” en relación á polémica campaña do 25N da Xunta no 2022 na que se poñía “ o enfoque e a responsabilidade da violencia que sufrimos as mulleres nas propias mulleres”, así mesmo considera que isto repítese de novo este ano cunha campaña que “pon o peso do machismo na responsabilidade das mulleres que o sufrimos”.
Con respecto ao “inmobilismo”, Silvia Fraga considera que “imos a velo mañá”, xa que este martes apróbase no Parlamento a “suposta nova Lei de Igualdade Galicia,que de nova ten pouco”, apuntou, cos votos favorables do PP e a abstención dos socialistas. Lamentou que o novo documento sexa “refundir o refundido”, e que esteamos ante “unha oportunidade perdida para de verdade apostar e lexislar pola igualdade en Galicia”.
A ex deputada autonómica engadiu que “aínda nos tememos que (os populares galegos) poidan chegar a camiñar cara ao negacionismo de par das súas amizades perigosas de Vox e esquecerse, xa definitivamente, das necesidades de atallar a violencia de xénero neste país”.
12% MÁIS DE DENUNCIAS EN 2022
Puxo en valor a necesidade desta campaña ante o “preocupante aumento” dun 12% das denuncias por violencia machista no 2022, que son só a punta do iceberg, se temos en conta que o TSXG alerta que só o 2% dos casos se denuncia polo que hai moita “violencia oculta”. Así mesmo, Fraga lembrou que “o 20 % dos menores que negan a existencia da violencia de xénero”, e que a asociación ANAR indica que as TICs aparecen implicadas en algo máis dun terzo dos casos de violencia contra as nenas ou adolescentes (39,3%)”, polo que a sensibilización é primordial para os socialistas.
Silvia Fraga anunciou tamén diversas iniciativas remitidas ao Parlamento de Galicia e aos concellos galegos, a través dos grupos municipais socialistas. Entre as medidas encontramos a de “garantir o cumprimento da aplicación de sistemas efectivos de verificación da maioría de idade nas plataformas e páxinas web con contidos pornográficos”.
Outras das propostas socialistas son as de “establecer por lei que todos os dispositivos con conexión a internet que se poñan á venta en España conten con un o control parental/marental de maneira predeterminado”, a imitación do que xa se fai en Francia, ou “dar cumprimento á lei de garantía integral da liberdade sexual en materia de educación afectivo-sexual e do uso axeitado das novas tecnoloxías para avanzar na erradicación da violencia sexual, incluíndo información sobre os riscos da pornografía en contornas dixitais”.
FEMINIST ADVISORY. ISTO É VIOLENCIA SEXUAL
Xunto a Fraga, compareceu Paula García, responsable de Comunicación e Redes Sociais na Executiva Nacional do PSdeG, para presentar os pormenores da campaña. Explicou que coa campaña que buscan “exemplificar ese tipo de violencias sexuais menos visibles e que rematan desembocando nas violencias sexuais máis extremas”.
A socialista apuntou a necesidade de “representar e alertar” sobre esas violencias cun selo de Feminist Advisory. Isto É Violencia Sexual, remitindo ao coñecido selo de Parental Advisory, que alerta sobre contido non apto para menores, trasladado esta vez á alerta sobre contidos ou actitudes que son tamén actos en sí mesmos violentos contra as mulleres.
Algúns dos exemplos empregados para a campaña son a sextorsión, consistente en compartir imaxes íntimas dunha persoa a terceiros sen consentimento, o consumo de pornografía, ou o grooming, onde maiores de idade fanse pasar por menores, para manipular a outros menores, co fin de que lles pasen contidos sexuais de si mesmos.