O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta sinala que a combinación de calidade nas condicións laborais e aposta pola innovación é “a divisa do éxito” desta centro
Resalta o proxecto da compañía para recuperar a antiga fábrica da Cross que vai da man da recuperación da Ría do Burgo polo goberno de España
José Ramón Gómez Besteiro, candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, puxo en valor este mércores o CETIM (Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial) como “referente da economía circular” en Galicia e propuxo “superar as páxinas en branco” da Xunta en materia de I+D+i durante os últimos catorce anos.
O tamén deputado no Congreso visitou as instalacións do CETIM no municipio coruñés de Culleredo, especializado na investigación para o desenvolvemento de novos materiais sustentables acompañado do alcalde local, José Ramón Rioboo.
Despois da visita guiada e de falar co persoal científico do centro, Besteiro destacou que, nos dez anos dende a súa creación, creou “gran cantidade de emprego de calidade”, cun 91% de graduados e doutores que traballan nela, e cun 70% do seu persoal formado por mulleres. A combinación de calidade nas condicións laborais e aposta pola innovación é “a divisa do éxito” deste centro.
Besteiro afirmou que tanto esta compañía como os socialistas “compartimos ese impulso que se lle quere dar á recuperación da antiga Cross, que era unha das empresas máis contaminantes da Ría e complementariamente con ese proxecto que se está desenvolvendo por parte do goberno de España de recuperación da Ría do Burgo”.
Ve neste dous proxecto “a aposta polo futuro”, da man da investigación e a innovación “nos vai levar a un futuro mellor”. Asegurou que este é “un obxectivo que os socialistas compartimos e que ademais queremos apoiar como así facemos dende todas as administracións nas que estamos”, tanto dende os concellos, a Deputación da Coruña neste caso ou o propio goberno de España.
Queren que a isto se sume o goberno galego, polo que sinalou que van “facilitar ese impulso para que a Xunta continúe nun marco, que nós queremos, que é o de compartir a vida tecnolóxica, ese crecemento intelixente que, sen lugar a dúbidas, redunda no beneficio de toda a sociedade galega”.