O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta critica que o PP galego se deixe levar pola zozobra na que está instalado Feijóo e advirte que “non están defendendo a democracia”
Denuncia que os populares non apoiaran a declaración institucional no Parlamento, a pesar dos ataques sufridos polas sedes socialistas de Ferrol e Lugo
José Ramón Gómez Besteiro, candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, reprochou este mércores a Alfonso Rueda que non condene expresamente os ataques contra as sedes socialistas e advertiu que “perdeu a oportunidade de ser claro e conciso”.
Nunha visita ás instalacións da empresa CETIM no concello de Culleredo, o candidato socialista foi preguntado polos xornalistas logo de que o PP se negase a apoiar unha declaración institucional na Cámara galega para condenar os ataques violentos sufridos polas sedes do PSOE nos últimos días, amparándose nunha proposta onde se condenaban “todas as violencias” sen referencia explícita aos feitos producidos.
“Os ataques que se están a producir hoxe son ataques concretos ás sedes do Partido Socialista, non é unha declaración xenérica contra a violencia”, apuntou o líder socialista. Polo que para Besteiro a posición de Rueda é de “ambigüidade” e lamentou que perdera “a oportunidade de ser claro e conciso”. Ademais, denunciou os ataques ás sedes de Ferrol e Lugo que se produciron no día de onte.
Sinalou que o presidente da Xunta “tivo unha oportunidade histórica para poñerse do lado dos non violentos, porque ao final estamos asistindo ao ataque dos piares da democracia” que son os partidos políticos tal e como dispón a Constitución, recordou. “E cando un non defende neste caso ao Partido Socialista, o que se está facendo é non defender a democracia”, advertiu.
Así mesmo, considera que Feijóo “están caendo nunha vía extraordinariamente perigosa, alentado polo máis ultra e o máis extremo do PP dende a capital de España” e que Rueda está a seguir. Polo que considera que Rueda e o PP galego preferiron deixarse levar pola “zozobra” na que está instalado Feijóo logo dos seus acordos coa ultradereita e iso é insostible en termos democráticos.
Ademais, Besteiro entende esta actitude “non resposta ao que os votantes do PP aquí en Galicia expresan tódolos días, que non son violentos, que comparten a vida en paz e critican eses ataques que se están facendo ás sedes do PSOE”, concluíu.