Begoña Rodríguez Rumbo critica que as contas da Xunta consolidan “as rebaixas fiscais para os máis ricos” mentres o 24% da poboación galega está en risco de exclusión social
A viceportavoz do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, anunciou este luns que os socialistas presentan unha emenda á totalidade do aos orzamentos e asegura que o proxecto de Rueda está “esgotado e sen ambición” para transformar o país.
A representante socialista valorou o proxecto de orzamentos presentado polo goberno da Xunta para o ano 2024 “unha vez analizadas as grandes cifras”. Entende que “o incremento das contas non chega para facer fronte á situación socioeconómica actual de Galicia”, así como que os programas orzamentarios son os mesmos que os empregados en anos anteriores e que as partidas que medran son aquelas nas que se reciben cartos dende o Estado.
Para Rodríguez Rumbo estamos ante unhas contas da Xunta consolidan “as rebaixas fiscais para os máis ricos” mentres o 24% da poboación galega está en risco de exclusión social segundo apunta un informe da Rede Europea Contra a Pobreza.
En contraposición ao PP, Rodríguez Rumbo destacou que o PSdeG “sabemos cal é a Galicia que merecemos, sabemos como dar resposta e ilusionar á gran maioría dos galegos e das galegas”. Todo elo da man dun Besteiro que “vai a ser o próximo presidente da Xunta de Galicia”, asegurou.
Atendendo a algúns dos programas presentes neste proxecto, Rodríguez Rumbo apuntou ao de Acción e promoción social cuxo incremento en 139 millóns de euros depende das partidas finalistas do goberno do Estado.
Criticou tamén que se rebaixe en máis de 11 millóns de euros o programa para a Autonomía persoal e prevención da dependencia de persoas con discapacidade. “Este é o apoio de Rueda ás persoas con discapacidade na nosa comunidade”, alegou. Tamén denunciou a rebaixa dun millón de euros nos programas de solidariedade.
Rodríguez Rumbo non comprende a rebaixa de 1,7 millóns de euros no apoio á conciliación da vida laboral e persoal, polo que lamentou que este sexa “o modo de Rueda de reverter a sangría demográfica do noso país”. Así mesmo, reprochou a rebaixa de 2,7 millóns de euros nas partidas para servizos sociais comunitarios.
7 DE CADA 10 EUROS SEN EXECUTAR EN VIVENDA
En materia de vivenda entende que o incremento do orzamento é consecuencia directa dos fondos finalistas por parte do Estado, pero alertan de que no 2022 deixaron sen executar 7 de cada 10 euros, a pesar de que “o acceso a unha vivenda asequible é un dos principais problemas da nosa sociedade e sobre todo das persoas máis novas”.
No ámbito do emprego, salientou negativamente a rebaixa de case 12 millóns de euros no programa para a mellora e fomento da empregabilidade, aínda que non se amosa sorprendida logo dos “nefastos datos de execución” nas contas adicadas á promoción do emprego con 66 millóns sen executar no 2022. Así como a formación profesional para os desempregados que se incrementa cos fondos finalistas do Estado, pero que só foron capaces de executar o 435 no 2022.
A deputada que tamén se ocupa da área económica, lamentou que o crecemento das partidas en Sanidade e Educación medren “moi por debaixo” do que medra o orzamento no seu conxunto. Outro dos aspectos que critica é que se rebaixe en 29,3 millóns de euros a contía para as actuación ambientais “na era da transición ecolóxica”.
Así mesmo, concluíu cunha chamada ao goberno galego para que mude a súa actitude con respecto ás emendas da oposición e valore positivamente e as tome en consideración, xa que entende que mellorarían os orzamentos finais da administración autonómica.