O secretario xeral do PSdeG acude de invitado á Cámara Baixa e lamenta o desprezo á diversidade cultural e lingüística do Estado demostrada polos deputados ultradereitistas asociados co PP no territorio
O secretario xeral do PSdeG, Valentín G. Formoso, resaltou este martes o “orgullo” dos socialistas porque José Ramón Gómez Besteiro fora o primeiro deputado en empregar a lingua galega de forma oficial no Congreso dos Deputados. “É un gran día que temos que celebrar os galegos e as galegas”, alegou.
O líder dos socialistas galegos acudiu á Cámara baixa para escoitar de primeira man o debate sobre o uso das linguas cooficiais nas Cortes, que presentou o deputado galego, Gómez Besteiro. Formoso sinalou que é “moi emocionante e un orgullo” escoitar o galego “na sede da soberanía nacional” por primeira vez e por parte dun socialista. Aproveitou para destacar que este avance “ven unha vez máis do partido que é a columna vertebral e política dos territorios como é o PSOE”.
Sen embargo, reprochou a postura dos populares e a actitude dos que considera “os seus socios”, en alusión aos deputados de Vox, cos que o PP “está a pactar nos concellos e nas comunidades autónomas”.
Formoso tachou de “penoso” como “conciben a democracia e a pluralidade lingüística, tamén a pluralidade idiosincrática e cultural neste país”, ao abandonar con desprezo a Cámara dos Deputados “sen manter un mínimo respecto ao debate político”, concluíu.