Begoña Rodríguez Rumbo insta a tratar a xestión do ciclo da auga como “un servizo de interese xeral que ten que comprometer a todas as administracións públicas”
A portavoz de Administración Local do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, reclamoulle hoxe á conselleira de Infraestruturas que “acabe coa política de postureo” e acorde coa Fegamp vías de financiamento da Lei do Ciclo Integral da Auga. A responsable socialista presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que instou á Xunta a tratar a xestión da auga como “un servizo de interese xeral”.
A responsable socialista reclamoulle á conselleira que aproveite a elaboración dos Orzamentos para o próximo ano para “mudar e dar cumprimento ao dereito da cidadanía á auga de calidade”, que “ten que comprometer a todas as administracións públicas e á cidadanía no seu conxunto”.
Dixo que a xestión do ciclo integral da auga “debera formar parte dun proxecto de país para proporcionar garantía de subministración á poboación en calidade e en cantidade”, garantindo “un tratamento seguro, previsible e de calidade da auga”. Responsabilizou ao goberno galego de habilizar “o conxunto de infraestruturas necesarias para almacenar, potabilizar, distribuír e depurar”.
Ademais, reclamou unha xestión profesionalizada da explotación e do mantemento desas infraestruturas “en condicións de calidade”, ademais de informar e sensibilizar á cidadanía co obxectivo de “adoitar un consumo responsable por parte das administracións e da cidadanía”.