Julio Torrado alerta de que a baixa calidade laboral na sanidade pública galega expulsa aos profesionais sanitarios e provoca a saturación do servizo
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, acusou hoxe á Xunta de xestionar a sanidade pública “en detrimento da calidade laboral dos profesionais” sanitarios. Torrado presentou unha pregunta oral na Comisión de Sanidade na que advertiu que a precariedade laboral constitúe o eixo do problema deste servizo en Galicia.
Torrado explicou que logo de dez anos de recortes e precarización por parte do goberno galego, no canto de atraer aos mellores profesionais, a sanidade galega expulsa aos profesionais, que evitan achegarse polas malas condicións laborais. Así o constatan as sucesivas sentenzas xudiciais en contra do goberno galego, que falan de “saturación, contratación fraudulenta, contratación torticeira ou incumprimento de acordos” cos traballadores e traballadoras.
Advertiu que mentres teñen a profesionais encadeando contratos temporais “durante anos”, o goberno galego emprega a taxa de reposición para estabilizar prazas que xa existían, co que en realidade “non aumenta o número de profesionais”. E por iso, exemplificou, Galicia ten a segunda peor ratio de profesionais por habitante en Saúde Mental dende hai máis de 10 anos, a peor en matronas, a segunda peor en enfermaría e a terceira peor en Fisioterapia.
Problemas que non existen
O parlamentario socialsita resumiu que “necesitamos unha mellora da calidade laboral, o Sergas ten que contratar máis e mellor”, e lamentou que se centren en “non resolver os problemas que existen mentres resolven problemas que non existen”. Aludiu así á súa decisión de converter o pago da exclusividade nun “dereito universal”, que afecta a toda a plantilla unicamente para “resolver algunhas incompatibilidades” de profesionais que tamén traballan na privada.
En calquera caso, esta medida “non resolve o problema da falla de recursos”, e demostra que dispoñen de orzamentos “para algunhas cousas que lles interesan”, mentres alegan falla de liquidez para incumprir coa obriga legal de pagar a carreira laboral dos profesionais sanitarios”.