Julio Torrado ve “moi preocupante” que Rueda branquee a Vox e que a súa axenda veña marcada “polas necesidades de Feijóo”
O viceportavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Julio Torrado, criticou este luns que o goberno da Xunta non aporta ningunha solución ante “os problemas reais de Galicia” que “non desaparecen no verán”.
O representante socialista compareceu na Cámara galega para manifestar a preocupación do seu partido pola situación política que se vive en Galicia. Torrado puxo o foco sobre “as incertezas en moitas poboacións sobre os recortes, peche de aulas e perda de docentes de cara ao inicio do curso”. Recordou que “os profesores están alertando dunha precariedade laboral na sua función por culpa de Xunta de Galicia á que ninguén da resposta”.
Do mesmo xeito, apuntou á sanidade, debido a que “o CESM alertou outra vez máis de que as medidas que está anunciando o goberno galego como boas, suficientes e marabillosas non teñen ningún impacto e que son negativas para o sistema sanitario”, alegou Torrado. Destacou que podemos ver isto especialmente na atención primaria “que está vendo novamente como nos quedamos sen médicos nalgúns centros de saúde” e cunha “precariedade absoluta” especialmente nalgunhas especialidades como enfermaría.
Así mesmo, focalizou no problema da seca que afecta a unha parte importante do territorio galego e ante o que denuncian a pasividade do executivo autonómico que non afronta esta situación coa importancia que merece.
Julio Torrado lamenta que “a única actividade política do goberno galego é que Rueda sae a falar ben de Vox, a dicir que non hai que demonizalos, que son parte da nosa sociedade”. O socialista recordou que “os galegos e galegas rexeitaron a esta formación contundentemente nos distintos procesos electorais”. Ante a inacción do presidente durante estas semanas, o deputado sinalou que “o único que lle interesou neste verán é falar ben de Vox”.
Dende o PSdeG entenden que esta defensa de Vox “demostra que a súa axenda segue estando marcada polas necesidades de Feijóo”. “Parécenos moi preocupante que a axenda do goberno galego se siga establecendo segundo as necesidades do Partido Popular, alegou Julio Torrado.
O deputado socialista sinalou que “non podemos agardar a que o goberno galego reciba os comunicados de Madrid para que saiba que ten que dicir e de que ten que falar”, ao que engadiu que “Galicia ten a súa propia dinámica e o goberno debe de estar nos temas de Galicia”. Por elo, reclamou a Rueda, “que deixe de falar moi ben da ultradereita á que non quere ninguén e comece a falar da Galicia que queremos todos”.