O líder dos socialistas galegos advirte un apoio crecente a Pedro Sánchez tamén en Galicia e pide que “ninguén quede na casa” para frear o “regreso ao pasado” que representa Feijóo
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, sinalou hoxe que “estamos aumentando moito en intención de voto” e emprazou a concretar esta mobilización crecente en votos a favor de Pedro Sánchez. Formoso comezou a última xornada electoral cun reparto de propaganda en Ferrol con membros da candidatura socialista, onde apelou ao voto útil para “frear á ultradereita e á dereita reaccionaria” e garantir os servizos públicos “por riba de todo”.
O líder dos socialistas galegos sinalou os dous cheos nos actos de campaña desta semana que desbordaron tódalas expectativas da organización, tanto onte en Lugo con Pedro Sánchez como martes na Coruña co ex presidente Zapatero. Pediu continuar desbordando as expectativas na xornada de votación do domingo para que “ninguén quede na casa”.
Emprazou a frear á “ultradereita e á dereita reaccionaria de Feijóo”, para que non sexan quen de “concretar as súas ameazas” de “conxelar as pensións, o ataque aos traballadores e a regresión dos dereitos laborais, ou levar a España o modelo de sanidade cativa de Galicia”.
Advertiu que “non pode haber un vicepresidente que negue as vacinas, o cambio climático, ou os dereitos das mulleres e que negue que hai violencia de xénero no país”. Dixo que “España é un país de progreso” cunha “inmensa maioría social europeísta, solidaria, aberta que non quere dar pasos atrás”, que ten no PSOE á “única forza que claramente vai manter as expectativas de progreso”.
Chamou á mobilización “polos traballadores e as traballadoras do país”, e engadiu que o próximo domingo “están en xogo as pensións dignas dos nosos maiores ou que a xente moza teña unha vivenda digna no futuro”. Pediu o apoio a un goberno socialista que evite que “a operación -sanitaria- dalgún membro da familia non a arruíne”, e dunha educación “de calidade” para que “calquera poida ser o que queira neste país”.