Formoso pide votar “polos soños que aínda quedan” por cumprir e alerta de que “a historia vai xulgar á sociedade” polo que faga o 23 de xullo
Interveñen nun mitin na Coruña xunto ao ministro José Miñones e a alcaldesa, Inés Rey, no que máis de 2.000 persoas abarrotaban os xardíns de Mendez Núñez
O expresidente do goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, chamou este martes aos galegos a acudir masivamente ás urnas “en defensa da liberdade e da democracia” fronte aos que “queren manchalas con mentiras e insidias”.
Máis de 2.000 persoas abarrotaron os xardíns de Méndez Núñez da cidade da Coruña para recibir ao expresidente socialista nun mitin no que tamén interviron o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, o ministro de Sanidade, José Miñones, e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey.
O secretario xeral dos socialistas galegos felicitou directamente a Zapatero “por non desvincularte nin do presente nin do futuro do teu país como expresidente, seguir demostrando que se pode exercer a política e ser boa persoa como ti es”.
A GAÑAR POLA HISTORIA, POLO FUTURO
Falou directamente a todos os votantes cando dixo que “a democracia chama ás nosas portas outra vez, esa democracia que lle molesta á ultradereita e á dereita”, polo que sinalou que nos está poñendo “un exame” e que “a historia vai a xulgar á sociedade polo que faga o 23 de xullo”.
Formoso pediu á xente que “respondamos ante o futuro deste país” e apuntou que “temos que ser conscientes da relevancia, do que nos xogamos”. Reclamou unha asistencia masiva ás urnas porque co PP volvería a Gürtel, o Bigotes, Correas e Bárcenas”, así como recortes e peores servizos públicos, cos que só haberá educación de calidade “se a pagas”. “A gañar o 23 de xullo, por este país, pola historia, polo futuro”, concluíu.
UN PRESIDENTE “LIMPO E HONESTO” QUE “O DEU TODO”
Pola súa banda, José Luis Rodríguez Zapatero remarcou a importancia da “verdade” en política, chamando ás urnas en múltiples ocasións en defensa da mesma e contra as “mentiras e insidias” da “extrema dereita” e “dereita dereitizada” do PP. Asegurou que teñen que recorrer a estas artimañas polos bos datos da xestión do goberno de Pedro Sánchez, como o de que “os primeiros seis meses do ano son os mellores de creación de emprego na historia da democracia”, ao que engadiu que “que faría o PP se tivera este dato?”.
Zapatero reivindicou a xestión dun Sánchez que “o deu todo” durante os peores momentos para defender aos traballadores e os servizos públicos, ao que engadiu que “temos un presidente limpo e honesto, a que eles non o poden dicir?”. “Da gusto ver a Pedro Sánchez na escena internacional defendendo a España con integridade, dignidade, credibilidade e europeísmo”, alegou.
FEIJÓO TEN QUE PEDIR DESCULPAS
Confrontou a “credibilidade” do socialista, coa falta dela dun Feijóo ao que reprochou as súas mentiras que quedaron expostas na entrevista en TVE. “Agora di que é unha inexactitude. A falsidade, aínda que se vista de inexactitude, falsidade se queda”, remarcou Zapatero. “Non, faltou á verdade, se quere rectificar ten que saír publicamente e dicir: equivoqueime, non era certo e pido desculpas á xornalista que fixo á súa tarefa”.
Acusou tamén aos populares de empregar as estratexias da extrema dereita trumpista, inundando as redes sociais de “fakes” e minando a confianza nas institucións democráticas, para logo negar os resultados as votacións. Por elo, declarou que o PP de Feijóo é “o máis de dereitas dende os 7 magníficos que fundaron Alianza Popular”. Zapatero tamén dixo claramente á cidadanía que “xa non hai centro dereita”, e que o único partido moderado é o PSOE de “centro esquerda”.
Entre os motivos que encontrou o dirixente socialista para acudir ás urnas, enumerou tamén a liberdade das mulleres, a “bandeira arcoiris” que “fai un país máis feliz”, o aumento do salario mínimo interprofesional, a Lei de Morte Digna, a defensa da convivencia en Cataluña, así como das autonomías e da lingua galega.
“MERECEMOS GAÑAR E IMOS GAÑAR”
Zapatero sinalou taxativamente que “merecemos gañar e imos gañar o 23 de xullo. Temos un deber os que nos sentimos progresistas”. “Pedro Sánchez deunos moito e agora tócanos a nós dalo todo e levalo en volandas á presidencia”, concluíu Zapatero.
O ministro José Miñones recordou un mitin de hai anos de Ángel Gabilondo no concello de Ames que lles advertiu de que “o PP cando non goberna, mente e ataca ao persoal”. Tamén reclamou ao público que “contaxiedes a ilusión e o ánimo, somos os únicos que podemos parar á dereita e á ultradereita”.
Tamén interviu unha alcaldesa Inés Rey, reprochou aos populares que “só lles interesa os seus amigos e ter o barco para pasear” e pediu o voto para “parar dereita retrógrada antiga e mentirosa”. Tamén tivo ocasión de reivindicar os dereitos sociais acadados durante o mandato de Zapatero.