Begoña Rodríguez Rumbo pide abrir o Pleno do Parlamento á comparecencia dos responsables do ente fiscalizador e aumentar as sesións parlamentarias para debater os informes de fiscalización
A portavoz do Grupo Socialista na Comisión do Consello de Contas, Begoña Rodríguez Rumbo, reivindicou hoxe aumentar a transparencia da fiscalización das contas públicas por parte do Consello de Contas e o reforzo do seu papel na loita contra a corrupción. Así o dixo na comparecencia de Juan Carlos Aladro como candidato proposto polo PP logo da xubilación de José Antonio Redondo.
A responsable socialista sinalou o papel fundamental do ente fiscalizador para garantir un “bo control das contas públicas, maior transparencia e unha boa prevención da corrupción” como elementos fundamentais para a mellora da calidade democrática de Galicia. Reclamoulle ao candidato a novo conselleiro que empreguen o remozamento do ente, con tres relevos no último ano e medio, para reforzar o seu papel fiscalizador.
Pediu o reforzo do seu papel na prevención da corrupción, unha nova tarefa que ten asignada dende o ano 2015 e que, dixo, ten rexistrado dende entón “avances moi tímidos”. Tamén chamou a intensificar a presenza do Consello de Contas no Parlamento como vía fundamental para incrementar a transparencia das contas públicas.
Rodríguez Rumbo propuxo hoxe abrir as portas do Pleno do Parlamento á comparecencia dos responsables do Consello de Contas para dar conta dos informes de fiscalización. Pediu intensificar tamén as sesións da Comisión de Relacións co Consello de Contas para que “deixemos de ter debate somentes en dúas comisións ao ano teñamos que despachar en só 10 minutos un número moi importante de informes de fiscalización incluíndo a conta xeral da Comunidade Autónoma”.