O secretario xeral do PSdeG salienta en Rianxo o compromiso dos socialistas co sector do mar galego con 47 millóns de euros en axudas aprobados esta mesma semana
Denuncia que o candidato popular “está disposto a todo por chegar ao poder”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, censurou este domingo o xiro de Feijóo intentando captar voto de centro na última semana de campaña. “Non se pode gobernar para todos entregándolle o país á ultradereita”, alegou.
Formoso acudiu á procesión marítima do Carme de Rianxo xunto a varios membros da candidatura socialista na provincia da Coruña, como o cabeza de lista ao Senado, Xosé S. Bugallo, así como o portavoz do grupo municipal, Óscar Rial. Dende alí, advertiu aos populares que buscan agora ir a polo votante máis centrado “polos seus cálculos electorais”, que “xa non son cribles” porque “a Feijóo caéuselle a careta de moderado”.
O dirixente socialista sinalou que “non se pode gobernar para todos”, como así reza o slogan dos populares para esta última semana de campaña, despois de pactar en 140 concellos e tres comunidades autónomas “coa ultradereita”. Cualificou a Vox como un partido “de extrema dereita, antieuropeo, contrario aos dereitos das mulleres e que odian a todos os que non son coma eles”.
Denuncia que “Feijóo está disposto a todo por chegar o poder” e recordou que “estreouse no PP” rexeitando a aprobación dunha lei que penaliza o acoso ás mulleres que acoden a abortar. Do mesmo xeito, acusou ao líder popular de “branquear a Violencia de Xénero” ao falar dun “divorcio duro” e pactando con quen nega a súa existencia.
“Feijóo está disposto a facer vicepresidente e a meter nas institucións a quen nega a crise climática”, engadiu Formoso. Tamén remarcou que PP e Vox “comparten a axenda para recortar e privatizar servizos públicos, atacar os dereitos da comunidade LGTBI, rebaixar impostos aos ricos… e podería seguir”.
PP CONTRA A SUBA DAS PENSIÓNS E O SMI
Así mesmo, reprochou aos populares que votaran en contra da revalorización das pensións a máis 770.000 galegos conforme o IPC, da suba do salario mínimo interprofesional ou da reforma laboral “que remata coa precariedade”. “Iso é gobernar para todos?” preguntou retoricamente o dirixente socialista.
“Non enganan a ninguén: son un lobo con pel de cordeiro”, apuntou un Formoso que lembrou que “Feijóo sempre estivo aí, con Aznar e Rato, con Bárcenas e a Gürtel. No PP dos pelotazos urbanísticos e dos recortes en todos os servizos públicos”. Concluíu sinalando que Núñez Feijóo representa “o peor PP: o que asimila o discurso e as políticas de Vox, o que non ten ningún escrúpulo con tal de chegar ao poder”.
COMPROMISO CO SECTOR DO MAR
O secretario xeral do PSdeG salienta o compromiso do goberno de España coa sector pesqueiro e marisqueiro, sendo que esta mesma semana o goberno vén de aprobar 47 millóns de euros de axudas directas para Galicia, case a metade do total e a comunidade que máis recibiu do Estado. Así mesmo, recordou que co cambio no coeficiente redutor de cotización, o goberno de España garantiu que redeiras e bateeiras teñan dereito a unha xubilación en igualdade de condicións que os homes.
Formoso tamén remarcou a necesidade de incrementar a produción marisqueira da que dependen gran número de traballadores na ría de Arousa e que se viu afectada especialmente polo baleirado dos encoros que provocou unha gran mortalidade do marisco polo cambio na salinidade. Recordou que o PSdeG xa reclamou no Parlamento de Galicia que a Xunta realice un protocolo de baleirado dos encoros contando co sector extractivo do mar.