Begoña Rodríguez Rumbo sinala que a redución fiscal sobre Sucesións beneficia aos máis ricos e detrae ingresos da sanidade, a educación e os servizos sociais
A portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, acusou hoxe ao goberno galego de consolidar unha política fiscal “regresiva”, aliviando os impostos aos máis ricos e renunciando a 522 millóns de euros de ingresos públicos para sanidade, educación e servizos sociais. A responsable socialista interveu na comparecencia da responsable da Axencia Tributaria de Galicia hoxe no Parlamento.
Rodríguez Rumbo criticou que o PP e o goberno galego “favorece aos que máis teñen” mentres “intentan convencernos de que as rebaixas fiscais supoñen un aforro para a maioría da cidadanía galega”. Explicou que a redución do imposto do Patrimonio, un 25 por cento por parte de Feijóo e outro 25 por cento da man de Rueda supón un “regalo” de 4.500 euros para os 7.700 galegos e galegas máis ricos.
O mesmo sucede co imposto de Sucesións e Transmisións Patrimoniais, cando a Xunta “presume” de que as maiores rendas terán aforros millonarios polas baixadas fiscais, que en realidade “son para os que máis teñen, por moito que o vendan coma se se tratara dunha rebaixa xeneralizada”.
A parlamentaria socialista criticou que presuman de rebaixas de impostos cando nos últimos 14 anos de etapa do goberno do PP na Xunta, triplicaron a débeda de Galicia e lle piden máis ingresos ao Estado. Aclarou que actualmente tan só o 14 por cento dos ingresos da Xunta proceden de recursos propios, se ben a inmensa maioría derivan do endebedamento -86 por cento-, seguidos dun 10 por cento de tributos propios.
A maior parte dos ingresos do goberno galego proceden do IRPF, o IVE, o Fondo de Garantía ou impostos especiais, polo que criticou o “interese desinformativo” do PP, que non dubida en “demonizar” unha política fiscal que en realidade é a que está a soster o sistema. Esixiu transparencia e información sobre a recadación fiscal do goberno galego, detallada segundo os impostos dos que procede e a que dedican estes recursos.