O secretario xeral do PSdeG cre que “poñer en tela de xuízo as institucións” revela que o PP ten “un proxecto feble” e se pon “a venda antes que a ferida” ante un posible mal resultado
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, asegurou hoxe que sente “vergoña como galego” de que un expresidente da Xunta como Feijóo cuestione a limpeza do voto por correo de cara ás eleccións do 23 de xullo. “É unha posición moi trumpista”, sentenciou.
O líder dos socialistas galegos participou este xoves nun reparto electoral pola feira de Vimianzo, no que estivo acompañado pola alcaldesa Mónica Rodríguez e membros da candidatura do PSOE ás xerais pola provincia da Coruña. Aproveitou a ocasión para reaccionar ás declaracións do candidato do PP, Núñez Feijóo, quen presidiu Correos baixo o goberno de Aznar entre o 2000 e o 2003, e quen amosou dúbidas sobre a limpeza do voto por correo, que está batendo récords históricos de solicitudes.
Formoso vinculou as palabras de Feijóo con Trump. “Sabemos o que pasou en Estados Unidos cun Trump que chega ao escenario político poñendo en tela de xuízo as institucións, o que acabou coa imaxe que todos recordamos” como é o asalto ao Capitolio (o equivalente ao Congreso dos Deputados) no que morreron catro persoas, remarcou o dirixente socialista.
Entende que intentar falar destes asuntos en vez de cuestións políticas e programáticas delata que “o PP é un proxecto feble”. Ademais entende que “deben ter dúbidas poñendo a venda antes da ferida por se os resultados non saen como esperan”. Formoso considera que “poñer en tela de xuízo as institucións indica o baixo nivel institucional e a baixa responsabilidade dun dirixente político que aspira a dirixir este país”, en referencia expresa a Feijóo.
Ante estas palabras do responsable popular, Formoso chamou a facer unha “reflexión” e “apostar por un PSOE” feito á “imaxe e semellanza” da sociedade española o que significa “respecto ás institucións”, o que entende que “non estamos a ver no candidato do PP”, alegou.