O secretario xeral do PSdeG sinala nun reparto electoral en Ourense que os socialistas terán tempo de ir desmontando os datos que aportou “por que eran absolutamente mentira”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, destacou no debate a un Pedro Sánchez “con datos rigorosos e solventes” fronte a un Feijóo “amante da mentira” e que se “baixa ao barro para rascar uns votos máis” por utilizar a Miguel Ángel Blanco para atacar ao PSOE.
Ao inicio dunha visita á cidade de Ourense para facer un reparto e charlar coa cidadanía na Praza de Abastos acompañado dos candidatos do seu partido na provincia, o líder dos socialistas galegos ofreceu as súas impresións do debate da noite do luns. De cara ao que resta de campaña, Formoso asegura en relación a Feijóo que “imos ter tempo para controlar que os datos que aportou eran absolutamente mentira”.
Formoso desmentiu algúns deses datos que mencionou Feijóo no debate, como que se destrúe emprego en España cando este goberno está preto de alcanzar os 21 millóns de ocupados na seguridade social. Así mesmo, Feijóo asegurou que hai menos autónomos cando os datos oficiais apunta que creceu o número de autónomos durante o mandato este goberno. Tamén dixo o líder do PP que a electricidade en España é máis cara que en Europa cando “durante o mesmo debate”, resaltou Formoso, “en Alemaña o prezo do kw/h era de 400 euros e en España de 128 euros”.
“Cóllese antes a un mentiroso ca a un coxo” sinalou un Formoso que acusou a Feijóo de ser “capaz de mentir e baixarse ao barro con tal de chegar á Moncloa”. Non sentou ben ao líder socialista a mención a Miguel Ángel Blanco, xa que entende que o PSOE “sufriu o embate do terrorismo igual que o PP e outras formacións” e que este é “un tema no que o país estivo unido” e por iso acabouse con ETA, polo que considera que “non se debe baixar ao barro por rascar uns votos máis”.
A pesar de todo, o secretario xeral do PSdeG sacou de proveito do debate que a cidadanía puido “confrontar un presidente con datos rigorosos e solventes” e outro candidato “que se agocha, só ofrece un debate nun medio privado, que non vai a debater a unha cadea pública”, o cal para Formoso “acredita cales son as súas preferencias e quen son os que o van a impulsar para chegar á Moncloa”.
De cara á semana e media de campaña que queda por diante, pediu máis debates “porque a xente precisa transparencia e información”. Como balance electoral da noite do luns, considera que o desmentido dos datos empregados por Feijóo e o uso político dunha vítima do terrorismo vai a ser un elemento mobilizador dos votantes segundo pasen os días.