O líder do PSdeG salienta o compromiso de Sánchez con Stellantis, Alcoa, Navantia, o AVE a Galicia, o SMI ou a revalorización das pensións para 770.000 pensionistas galegos
Chama a concentrar o voto no PSOE para frear a volta á censura da man de PP e Vox, “algo que nunca se vira na etapa democrática”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, advertiu hoxe que “de nada vale” que na Moncloa haxa un presidente galego “se despois non se comporta como galego e non mira polo país”. O líder dos socialistas galegos participou no 40 aniversario do Consello da Cultura Galega, onde fixo un chamamento fronte á censura que “volve da man do PP e Vox”.
O responsable socialista sinalou que “Galicia quere presidentes do goberno comprometidos co noso país”, e fixo un relatorio das medidas de apoio a Galicia aprobadas polo goberno presidido por Pedro Sánchez. Lembrou que o AVE chegou a Galicia cun goberno presidido polo PSOE que “apostou polo emprego e a industria galegas”.
Sinalou o compromiso coa continuidade de Alcoa na Mariña Luguesa, a continuidade de Stellantis coa incorporación da Moi Alta Tensión, que garante subministro enerxético a baixo custe, ou os 4.000 millóns de euros de investimento no estaleiro de Navantia que van garantir carga de traballo para os próximos 15 anos.
Explicou que a suba do Salario Mínimo tamén supón a mellora das condicións dos traballadores e traballadoras galegos, así como a revalorización das pensións conforme ao IPC para os 770.000 pensionistas de Galicia. Explicou que “canta máis forza teña o PSOE máis dereitos sociais vai garantir”, porque “darlle forza ao PSOE significa forza para os traballadores, as clases medias galegas e darlle forza a Galicia”.
Formoso contrastou a acción de goberno de Sánchez coa experiencia dun Mariano Rajoy que non velou polos galegos e as galegas cando co aplauso de Feijóo decidiu revalorizar as pensións por debaixo dos prezos, que “nada ten que ver cunhas pensións dignas” como hai agora. Tamén tivo o apoio de Feijóo, lembrou, para aprobar unha reforma laboral contra os intereses dos traballadores e traballadoras.
Censura
Formoso alertou de que o próximo 23X “tamén nos xogamos ver como volve a censura da man do PP e de Vox”, aludindo á prohibición de obras culturais e de teatro “ao longo e ancho do noso país” a raíz dos acordos de goberno entre as dúas formacións políticas. Alertou que están a reproducir “algo que nunca se vira en etapa democrática en España”, e que “preocupa enormemente ás familias galegas”.
Animou a concentrar o voto no PSOE para frear a chegada da dereita e da extrema dereita á Moncloa, que queren “volver atrás 40 anos e ao branco e negro que supuxo a ditadura durante moitos anos”. Apuntou que os socialistas galegos despregarán unha campaña “de moitísima pedagoxía” para lembrar as consecuencias do “tándem” da dereita e a extrema dereita.
PP e Vox, dixo, conforman un “consello de administración que se reunirá cada venres para tomar decisións en contra dos pensionistas de Galicia, en contra dos traballadores e das traballadoras do noso país, en contra da cultura e da lingua do noso país e en contra das clases medias e traballadoras de Galicia”.