O portavoz do Grupo Socialista acusa ao PP de acudir a “eufemismos” para tapar o “desastre da súa xestión” co peche de camas hospitalarias ou coa falta de persoal nos PACs
Luís Álvarez repróchalle a Feijóo e a Rueda que se adiquen a “branquear os peores argumentarios negacionistas da violencia de xénero” y pídelles que volvan ao consenso
O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, esixiulle hoxe ao goberno da Xunta que renuncie ás “ocorrencias” e cubra as baixas, as vacantes e as vacacións do persoal sanitario para evitar a desatención que houbo o ano pasado nos PACs e centros de saúde, en especial nos dos municipios das Rías Baixas, con gran afluencia turística.
Na rolda de prensa habitual dos luns, o voceiro dos socialistas no Parlamento de Galicia trasladou a “fonda preocupación” do seu partido pola intención do goberno da Xunta de pechar arredor de 665 camas, o que significa en torno ao 12 ou 15% das camas do Sergas neste verán. Álvarez o cualificou de peche “discrecional” e engadiu que “para os socialistas, os galegos e galegas non somos números, os doentes galegos son persoas que precisan ser atendidas nun sistema sanitario de calidade”. Tamén reprochou aos populares non falar directamente do peche de camas e recorrer a eufemismos “para intentar tapar o desastre da súa xestión”.
Os socialistas galegos reclamaron ao executivo popular que manteñan a plantilla total no ámbito sanitario cubrindo totalmente as vacacións do persoal cunha planificación específica nos meses de verán nos hospitais e na atención primaria, con especial atención aos puntos xeográficos con maior concentración turística.
“Preguntámonos que vai a ter este verán distinto ao pasado” xa que non observan ningunha planificación diferente ao do período estival do ano anterior, recalcou Álvarez. Ao fío disto, lembrou “os periplos” que tiveron que facer moitos cidadáns para ser atendidos por haber centros de saúde sen médicos, especialmente nalgúns municipios das Rías Baixas, coma O Grove ou mesmo Sanxenxo, “coa ocorrencia da casa habitación para atraer médicos”.
BRANQUEAR DISCURSOS
Álvarez advertiu de que o sistema sanitario galego precisa de “políticas sólidas, consolidadas e que dean resposta ás necesidades e non ocorrencias repetidas ano tras ano que seguen sen resolver os problemas históricos que arrastramos”, alegou. Por iso, adiantou que no pleno da vindeira semana levarán unha iniciativa para que o conselleiro de Sanidade responda “en primeira persoa” sobre a política de recursos humanos do Sergas”.
O portavoz do Grupo Socialista anticipou que no pleno desta semana levarán unha interpelación para que “o goberno galego dea conta das súas políticas na loita contra a violencia de xénero”, xa que entenden que o PP de Feijóo e Rueda “están a branquear os peores argumentarios negacionistas deste violencia machista” despois de sufrir 68 asasinatos machistas dende o 2003 en Galicia.
Acusou tamén aos populares de levantar “cunha man, teoricamente un muro contra a Violencia de xénero” e coa outra poñer de candidato na Illa de Arousa a un condenado pola mesma e “ratificar e validar” os discursos negacionistas da extrema dereita. Por iso, pediu aos populares que regresen aos consensos da igualdade e da loita contra a violencia de xénero.
De cara ás eleccións xerais do 23 de xullo, Álvarez declarou que dende o PSdeG farán “todo o posible” para evitar que haxa ministros de extrema dereita no goberno. Para iso, adiantou que farán “unha campaña didáctica, na que poñamos de manifesto os avances e o que pode suceder como volvamos a unha España máis propia dos anos 70 que da actualidade”, alegou.
DISPOSICIÓN PLENA AOS DEBATES
A preguntas dos xornalistas sobre a proposta da líder do BNG de facer un debate dos líderes galegos de cara ás eleccións xerais, o voceiro dos socialistas na Cámara galega reiterou que o PSdeG sempre está disposto a acudir os debates para confrontar ideas e constratar os proxectos de cada candidatura. “Ese debate existirá se o Partido Popular quere que exista”, dixo.
Con todo, aclarou que nin Rueda, nin Pontón, nin Formoso son candidatos ás Cortes Xerais, deixando entrever que un debate nestas eleccións terá sentido si o protagonizan os aspirantes á presidencia do goberno ou a formar parte do Parlamento. E preguntouse se o BNG, coa súa proposta, pretende agochar a algún candidato ou se ten “algún problema” con que ao debate acuda o seu representante no Congreso e candidato á reelección.