Silvia Fraga, asegura que farán “todo o que está na nosa man” para actualizar a lexislación galega en materia de igualdade, pero que non serán “cómplices do lavado das vergoñas do PP”
A secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga, denunciou este xoves as “contradicións” do PP e de Feijóo por dicir “que cre na igualdade e na loita contra a violencia de xénero pola mañá, mentres pactan con señores negacionistas e misóxinos de Vox, pola tarde”.
Logo da reunión do grupo de traballo de igualdade do PSdeG, tamén criticou as propias declaracións de Feijóo onde xustificaba a condena do líder valenciano de Vox por violencia de xénero por ter “un divorcio duro”. “Feijóo asimila que lle peguen unha paliza ou maltraten psicoloxicamente a unha muller cun divorcio duro, de verdade?, preguntouse Fraga, ao que engadiu que “de mulleres que pasaron por “divorcios duros” están cheos os cemiterios!”.
As representantes e materia de igualdade do PSdeG reuníronse para preparar achegas ao novo marco normativo galego en materia de igualdade en tramitación no Parlamento de Galicia. Fraga reiterou a necesidade desta actualización para adaptalo “ás novas realidades e tamén melloralo”.
Do mesmo xeito, remarcou que na actualidade o goberno galego só está a facer unha “declaración de intencións” que se traduce en “mera propaganda”, polo que advirte que dende o PSdeG “non imos ser cómplices e contribuír ao lavado das vergoñas do PP, auspiciadas polo seu líder, o señor Feijóo”.