Patricia Otero apunta que a iniciativa decaerá polo adianto electoral, e lembra que foi o PP o que paralizou o debate ata en dúas ocasións, que non se activou ata a chegada de Pedro Sánchez
A portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Patricia Otero, apostou por reactivar o debate da transferencia da AP9 a Galicia logo de que esta iniciativa decaera polo adianto electoral. A responsable socialista lembrou que terá que ser un goberno socialista o que retome o debate logo de que o PP o impedira en repetidas ocasións baixo o goberno de Mariano Rajoy.
Puntualizou que foi aquel goberno o que “bloqueou” o debate cando a galega Ana Pastor, que se presenta de novo nestas eleccións, impedira ata en dúas ocasións a toma en consideración da proposta de Lei enviada dende Galicia para esta transferencia. Subliñou que “sabemos como ten actuado o PP e coincidimos en que terá que ser un novo goberno socialista o que poña de novo sobre a mesa o debate da transferencia” logo do 23X.
A responsable socialista apostou por “apoiar que se reactive do xeito máis inmediato o debate da transferencia” logo do decaemento sobrevido como consecuencia da convocatoria de eleccións xerais e a disolución das Cortes.
Bonificacións históricas
Otero trasladou unha mensaxe de “tranquilidade” aos galegos e galegas diante da continuidade da “bonificación histórica” ás peaxes da AP-9, que estarán “blindadas” a pesares da disolución das Cortes. Estas axudas permanecerán logo de ser incluídas nos Orzamentos Xerais do Estado polo goberno de Pedro Sánchez, malia que “nin o PP nin o BNG apoiaran os Orzamentos que fixeran posibles estas bonificacións”.
A responsable socialista lembrou que todo este debate ten sido provocado pola decisión orixinal do goberno do PP de Aznar, que en 2000, con Fraga como presidente da Xunta, decidiu prorrogar a concesión da autoestrada ata o ano 2048.