Julio Torrado denuncia o “cinismo” do PP e do goberno galego, que renunciou a formar a máis de 100 profesionais MIR este ano aos que lles da prazas “de baixa calidade” en atención Primaria, provocando a renuncia dos médicos
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, apuntou hoxe que “o problema das prazas formativas en Galicia ten un nome e chámase PP”. O responsable socialista lamentou que “PP e Xunta sigan ancorados no cinismo, en ser cicateros e en embarrar con problemas para non sumarse ás solucións”, antes de lembrar que este mesmo ano renunciaron a formar a máis de 100 profesionais MIR dispoñibles “coma se sobrasen”.
Lembrou que o goberno central fixo este ano unha nova convocatoria récord de prazas formativas sanitarias en Galicia e en toda España, e xa van seis consecutivas, pero que foi desbotada polo goberno galego. O mesmo goberno, explicou, que na última década “recortou profesionais e non os repuxo”, lembrando que “renunciaron a 180 prazas de médicos de Familia que poderían estar traballando en Galicia e non se formaron porque Feijóo e Rueda renunciaron a eles”.
Explica que mentres que Rajoy no goberno de España “nunca chegou a darlle a oportunidade a Galicia de chegar nin a 100 prazas anuais de médicos de familia”, o goberno actual “supera as 200 prazas ao ano nas últimas 3 convocatorias, e Galicia é unha das CCAA máis favorecidas de España”.
É o PP dende a Xunta, dixo, quen “lle da ás prazas galegas baixa calidade”, e por iso “os profesionais que saen das facultades e teñen que facer o MIR as deixan baleiras”, porque estas prazas, sinaladamente en atención primaria “non teñen a calidade suficiente, teñen os salarios máis baixos de España e por iso os profesionais collen outras prazas”.
Apunta que máis do 90 por cento dos profesionais pasou a nota de corte, o que evidencia que as prazas descubertas “non responde a un problema de candidatos”, que teñen unha nota de acceso de 3, moito máis accesible que nos gobernos do PP “sen que na Xunta dixeran nada ao respecto”.
Explicou que ademais dun aumento do 40 por cento nas prazas convocadas nos 6 últimos anos, hoxe están homologando “máis títulos que nunca” e apostan pola xubilación activa ata os 70 anos. Explica que a falla de médicos deriva da receita dos recortes para afrontar a crise financeira por parte dos gobernos do PP, que se aplicou sinaladamente na sanidade, onde recortaron prazas MIR, e deixaron sen cubrir a taxa de reposición.
En Galicia aumentaron o número de prazas habilitadas, dotando á Universidade de Santiago para aumentar o número de egresados cada ano, mentres a ampliación de prazas MIR para Galicia garante que cubran a totalidade de alumnos licenciados na Facultade de Medicina, permitindo cubrir prazas con estudantes doutras partes de España.