A Executiva socialista apunta a fixar un acordo marco co BNG para facilitar gobernos de progreso nos concellos
Subliña que Rueda e o PPdeG “cambiaríanse por nós se puideran” para ter as alcaldías de Vigo, A Coruña e Lugo e as deputacións da Coruña e Lugo en vez dos resultados que acadaron
O PSdeG activa o calendario de preparación das eleccións xerais do 23X
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, sinalou hoxe que os socialistas galegos están en condicións de superar as alcaldías en máis dun cento de concellos galegos a través de pactos coas forzas de progreso. O responsable socialista presidiu a reunión da CENG do PSdeG que analizou os resultados das eleccións municipais e activou a maquinaria para as xerais do 23X.
O líder dos socialistas galegos fixo un aparte na xuntanza da Executiva para dar conta dos asuntos tratados, que inclúen establecer un acordo marco co BNG co horizonte de facilitar gobernos progresistas nos concellos. Sinalou que “temos a responsabilidade e o deber de impulsar o maior número de gobernos de progreso que sexa posible”.
Valentín González Formoso salientou a posición dos socialistas galegos como líderes do bloque progresista que representa á maioría social do país, xa que a suma de socialistas e nacionalistas supera ao PP en máis de 115.000 votos. Estas dúas opcións, apuntou, acadaron o 46 por cento do voto fronte ao 38,4 por cento que obtivo o PP.
Engadiu que tanto Rueda como o PPdeG “cambiaríanse por nós se puideran” para superar as súas “dificultades” nas cidades e poder contar coas alcaldías de Vigo, da Coruña ou de Lugo, así como as deputacións provinciais da Coruña e de Lugo. Salientou que o PP obtivo o goberno de Ferrol e a Deputación de Pontevedra pero mantén “no aire” a de Ourense, que “non era deles, senón da familia Baltar”.
En resposta a preguntas dos xornalistas, o líder dos socialistas galegos aclarou que o PSdeG “non vai negociar nada con Jácome”, e lembrou que a dirección galega é quen ten a competencia para “fixar pactos tan relevantes”, que terán que ser refrendados por Ferraz. Emprazou ao acordo cos nacionalistas galegos para fixar o marco dos acordos de goberno que afectarían tamén a Ourense.
Eleccións xerais
O responsable socialista subliñou que a Executiva de hoxe puxo en marcha a maquinaria para as próximas eleccións xerais do 23X fixando o calendario interno para a elaboración das candidaturas. Salientou que os socialistas galegos “sairemos unha vez máis a explicar as nosas propostas” con ánimo construtivo no camiño dun “futuro mellor” diante dos que só buscan “destruír e ir contra calquera avance social”.
Apuntou que é tempo de “traballar, recuperar forzas e saír a loitar polos nosos dereitos e ideas”, como corresponde a un partido con 144 anos de historia nos que sumou éxitos e derrotas, pero que “se mantén porque ten a capacidade de representar á maioría social, que é a clase traballadora de España e de Galicia”.