Alerta de que a alternativa da dereita supón “volver a gobernos en branco e negro” que xeran “líos e inestabilidade”
O secretario de organización do PSdeG participa nun reparto electoral xunto coa alcaldesa Inés Rey, que demanda unha maioría “sen ataduras” na Coruña que apuntale a “ilusión, orgullo e ambición” da cidade
O coordinador da campaña electoral do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, pediu o voto para os candidatos socialistas como mellores garantes da “xustiza social” e do “progreso” nos concellos galegos. Así o dixo na última xornada da campaña, que comezou cun reparto electoral na Coruña coa alcaldesa e candidata á reelección, Inés Rey.
O responsable socialista resumiu que o próximo domingo “temos que elixir entre volver atrás, a gobernos en branco e negro” dunha dereita que supón “líos e inestabilidade” e os gobernos progresistas liderados polo PSdeG “que fan xustiza social” e que son “a mellor garantía de progreso para as cidades galegas”.
Puxo como exemplo a xestión dos alcaldes e alcaldesas do PSdeG nas principais urbes galegas, que presentou como a mostra de “cidades que avanzan”, e as propostas dos candidatos socialistas. Da outra banda situou “inventos de outros” e un PP que “agocha aos candidatos para falar de ETA” e que “nalgunhas cidades nin chegaron a presentar programas nin solucións aos problemas da xente”.
Lage Tuñas sinalou dende A Coruña a Inés Rey como proba de que “para que avance Galicia e as cidades galegas o mellor é coller a papeleta do PSdeG”. O mesmo sucede, dixo, coas candidaturas de Caballero en Vigo, de Lara Méndez e Lugo, de Francisco Rodríguez en Ourense, Iván Puentes en Pontevedra, José Bugallo en Santiago ou Ángel Mato en Ferrol.
Sinalou que “os cidadáns teñen a palabra” e emprazou a apoiar “opcións limpas, honestas, comprometidas coa maioría social”, contra sucesos como os que se coñeceron en Ourense durante a campaña electoral. Así o dixo logo de ser preguntado polas novas noticias sobre as multas impostas aos vehículos oficiais da Deputación de Ourense.
Rueda, Baltar e Jácome
Lage Tuñas aludiu ás sancións impostas ao presidente da Deputación, José Manuel Baltar, por conducir o vehículo oficial a 173 e 215 quilómetros por hora sen destino coñecido. Preguntou neste sentido “por que Rueda é refén e non toma decisións”, xa que “co seu silencio é cómplice de todo o que está a suceder en Ourense”.
Ligouno coas denuncias fronte á xestión presuntamente irregular do alcalde da cidade, xa que “un trilero como Feijóo” é o “responsable” de facer alcalde a Jácome para garantir a continuidade do multado Baltar á fronte da Deputación. Criticou que “cunha man di que ten que gobernar a lista máis votada, pero en Ourense fixo alcalde a quen quedou terceiro”.
Responsabilizou ao PP da “podredumbre” que destila das institucións ourensás, nas que “cada día vemos noticias que nos avergoñan a todos e a todas”, e advertiu que esta situación “só se corrixe con votos nas urnas”. Subliñou que “a única resposta para poñerlle fin a esta situación lamentable” e dunha xestión “incompatible coa xestión honesta das institucións” é “coller a papeleta do PSdeG”.
Inés Rey
A alcaldesa da Coruña e candidata á reelección, Inés Rey, pediu hoxe unha maioría “solvente, sólida e sen ataduras” para liderar a cidade co obxectivo de desenvolve o seu modelo de cidade centrado na “ilusión, orgullo, ambición, liderado, recuperación e progreso”. Comparouno con “outros que apostan polo gris, a crispación e falar mal da cidade”.
Explico que rematará a campaña cun reparto electoral no mercado da Praza de Lugo “apoiando a revitalización dos mercados e do pequeno comercio”, antes de participar un encontro con mulleres, nunha “aposta clara pola igualdade”. A única candidata muller á alcaldía defendeu unha “cidade aberta, cosmopolita e á vangarda, que tamén aposta por contar co 50 por cento da poboación que somos as mulleres”.