O coordinador da campaña electoral do PSdeG sinala que nas eleccións do domingo “só hai dúas opción: volver atrás da man do PP ou seguir mellorando da man do PSdeG”
O candidato á alcaldía de Narón, Jorge Ulla, defende humanizar a cidade fronte á “falla de proxecto e de visión de conxunto” da alcaldesa
O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, fixo un chamamento aos indecisos para que “aposten pola maioría social, polo progreso e o emprego” e a estabilidade que protagoniza os gobernos socialistas fronte á “casa dos líos” do PP. Así o dixo na visita a Narón, onde defendeu os “proxectos e ideas” da candidatura liderada por Jorge Ulla.
O responsable socialista sinalou que mentres o PSdeG “da solucións aos problemas”, os gobernos encabezados polo PP significan “líos permanentes porque defenden outro tipo de intereses que non son o interese xeral”. Aludiu aos exemplos do último goberno do PP en Santiago, encabezado por Conde Roa, que en 4 anos tivo tres alcaldes diferentes, ou a inestabilidade de Ourense, convertida na “casa dos líos”.
Chamou aos votantes de centro esquerda a que aposten pola “alternativa socialista”, que “aposta pola calidade dos servizos públicos, por cidades amigables, con espazos para a convivencia e que moven todos os seus recursos para axudar a quen máis o necesita”. Advertiu que nas eleccións do próximo domingo “só hai dúas opcións: volver atrás da man de gobernos do PP ou avanzar e seguir mellorando da man do PSdeG”.
Defendeu a xestión dos 109 alcaldes socialistas, e presentou as alcaldías de Vigo, A Coruña, Lugo, Santiago ou Ferrol como “exemplo” de xestión que permite “dicir con orgullo que un goberno socialista significa apostar pola xustiza social e polo progreso”.
Engadiu que os socialistas demostran “capacidade de escoitar aos veciños e ás veciñas e dar respostas axeitadas aos problemas da xente” porque priorizan “plans de reactivación económica e social, mellorar a axuda a domicilio, ou poñer programas de atención á soidade dos maiores”.
Narón
O responsable socialista emprazou aos veciños e veciñas de Narón a escoller polo “mellor goberno posible” encabezado polo candidato socialista, Jorge Ulla, que se mire “no espello” das cidades gobernadas por alcaldes socialistas e se “suba ao tren de concellos que hoxe son referencia”.
Defendeu a aposta polo representante socialista, Jorge Ulla, a quen cualificou como “un gran candidato con moitos proxectos e ideas para axudar ás familias e aos maiores, facilitar a conciliación da vida familiar e laboral e ofrecer novas oportunidades de emprego”.
Tuñas e Ulla visitaron a obra da avenida da Solaina, en Narón, unha obra que segundo explicou o candidato socialista acumula un sobrecuste de 1 millón de euros para “unha obra paralizada mentres hai unha lista de espera de 400 persoas que necesitan do Servizo de Axuda ao Fogar”.
A situación desta infraestrutura é o exemplo, dixo Ulla, das consecuencias da “falla de proxecto e de visión de cidade no seu conxunto” por parte da alcaldesa, que mantén o plan de urbanismo de Narón paralizado dende hai máis de 20 anos. Defendeu o proxecto socialista para “formar cidade”, que inclúe tapar as vías do tren e humanizar a cidade, implementando aparcamentos para residentes.