O líder dos socialistas galegos tacha de “insulto á cidadanía” que o presidente do PP acuda a Galicia para intentar embarrar falando de Bildu
Alberto Varela afronta con optimismo a recta final da campaña logo do recoñecemento á transformación urbana realizada durante o seu mandato
20 de maio de 2023. O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, acusou este sábado ao líder do PP de “ter envexa” dos candidatos e candidatas socialistas e de agochar aos do PP pola súa falta de proxecto para as vilas e cidades galegas. Replicou así ao expresidente da Xunta que acudiu a dous mitins en Lugo e Ferrol nos cales centrou o seu discurso en Bildu e ETA, o que Formoso considera “lamentable” e “un insulto aos galegos e galegas”.
En declaracións realizadas no transcurso dunha visita á Praza de Abastos de Vilagarcía, coincidindo co inicio das festas de Santa Rita, o número un dos socialistas galegos respondeu ás palabras de Feijóo logo de que centrase as súas intervencións en actos en Galicia en falar sobre Bildu e ETA. Formoso entende que ten que facer iso porque “sente vergoña“ dos seus candidatos e non pode falar de solucións para os problemas da xente porque non teñen un proxecto municipal.
Engadiu que cre que o presidente do PP ten “envexa” dos candidatos do PSdeG, como o propio Alberto Varela, que está “transformando Vilagarcía”. Do mesmo xeito, referiuse a varios dos principais expoñentes socialistas nestes comicios locais, como un Abel Caballero en Vigo que é “referencia municipal en toda España”.
Proseguiu enxalzando a Inés Rey, a alcaldesa da Coruña que “liderou unha cidade que tiña gañas de soñar e fame de volver a ser o que sempre foi e convertela na referencia europea da Intelixencia Artificial”. Na mesma provincia encontramos a un Ángel Mato que “logrou a maior carga de traballo” para os asteleiros ferroláns con “6.100 millóns de euros de investimento do Estado”.
“Entendemos que Feijóo teña envexa de candidatos como Lara Méndez”, continuou, que “está a realizar a segunda transformación urbana” de Lugo e que a cidade sexa a “referencia emprendedora en Galicia”. Tamén destacou a un Bugallo “solvente, serio e fiable” quen tutelou a capitalidade de Compostela ata convertela na “nai dos 313 concellos galegos”.
Reivindicou o líder do PSdeG o traballo desenvolvido por todos os aspirantes socialistas dende os gobernos ou dende a oposición, e sinalou que niso ten que consistir esta campaña do 28M, en recorrer todo o territorio galego “co obxectivo de mostrar o traballo dos nosos compañeiros candidatos, alcaldes e alcaldesas”, dos que asegura “podemos presumir despois de anos transformando Galicia dende o mundo municipal”.
Sobre a cuestión de si a campaña pode ter un compoñente autonómico ou estatal, Formoso considera que “a cidadanía é madura e sabe discernir o que está a escoller en cada proceso electoral, agora sabe que toca elixir quen xestiona os aspectos máis próximos á súa vida”. Aínda que entende que o gran resultado que augura para os socialistas servirá de plataforma para as autonómicas e xerais, considera que agora toca falar de municipais, “facelo doutra cousa e faltarlle ao respecto aos galegos e ás galegas, como fai o BNG coas autonómicas e Feijóo falando sobre Bildu”, concluíu.
REFERENTE EN TRANSFORMACIÓN URBANA
Pola súa banda, o alcalde e candidato á reelección en Vilagarcía agradeceu a visita ao secretario xeral do PSdeG e dixo que “afrontamos con moito optimismo a semana final” da campaña, dende una Praza de Abastos “que é unha mostra moi clara do que vai progresando na nosa cidade cunha transformación urbana moi importante”.
Alberto Varela explicou que esa “transformación” pasa polas humanizacións realizada, ter unha cidade máis sostible e ver que “onde antes había coches agora hai nenos e nenas xogando na rúa”, así como polos “bos datos económicos, potencialidades turísticas moi importantes”. Na mesma liña augurou un bo resultado e asegura que afrontan “con ilusión e traballando para que Vilagarcía siga estando cada día un pouco mellor”.