O secretario de organización do PSdeG acusa ao PP de agochar aos seus candidatos e non ofrecer “nin unha soa proposta para os problemas da xente”
Samuel Lago presenta o seu programa electoral para o seguinte mandato con grandes proxectos para Cambados como a creación dun novo pavillón multiusos e dunha piscina natural de mareas
16 de maio de 2023. O secretario de organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, destacou este martes en Cambado que teñen en Samuel Lago a un “magnífico candidato” para a vila, e que en fronte hai un PP sen “modelo de concello” que ofrecerlle ás vilas e cidades galegas.
Xunto ao alcalde e candidato local, Samuel Lago, Lage Tuñas ofreceu unha rolda de prensa na que puxo en valor o traballo realizado polo goberno local, xa que “hai un antes e un despois” dende que os socialistas chegaron á alcaldía e Cambados “subiuse á locomotora do progreso e da xustiza social”.
Dende a dirección galega queren dar expresamente o seu respaldo ao “cambio de políticas” que están a facer no municipio, así como pedir o apoio da cidadanía para que continúe o proxecto de Lago, “apoiar ao partido socialista é a mellor opción para que Cambados avance”, alegou.
No relativo á actualidade da campaña de municipais no ámbito galego, Lage apuntou que eles preséntanse “con programas de goberno e coa idea clara de que somos o partido que mellor representa á maioría social de Galicia”. “Temos 109 alcaldes e alcaldesas que son a nosa mellor carta de presentación”, engadiu que “Cambados é un bo exemplo do que son as nosas preocupacións na “axuda ás familias, coidado dos maiores, xerar espazos de convivencia, facer concellos máis habitables e que xeren oportunidades”.
Fronte a un PSdeG “serio, solvente e con 144 anos de historia” que non é “ningún invento nin sopas de letras”, ve a un PP que tenta agochar aos seus candidatos. “Vemos que están incómodos e non teñen modelo de concello para as vilas e cidades”, asegurou, ao que tamén apuntou que “non falan dos seus candidatos nin de propostas, falan de cousas que non lle preocupan a ninguén cando estamos nunhas eleccións municipais”.
Considera que Rueda “está a outra cousa” e que “aínda non escoitamos unha soa proposta que estea dirixida a resolver problemas” dende o PP. Para el son uns “apóstolos do desastre, da apocalipse”, deixando aos socialistas como “a única formación en disposición de ofrecer solucións a problemas que temos todos temos”, concluíu.
“O ALCALDE DA XENTE”
O actual rexedor e candidato á reelección, que sae a esta campaña baixo o lema “o alcalde da xente”, puxo en valor o traballo realizado durante estes anos de goberno, onde desenvolveron distintos proxectos para facer a cidade máis amable con humanizacións e asfaltados, así como ampliación da rede de saneamentos e as melloras nos parques infantís.
Samuel Lago tamén centrou a súa intervención en explicar o seu programa electoral, seguindo a senda marcada pola experiencia de goberno adquirida e seguindo os máximos do modelo de cidade que queren implantar os socialistas galegos. Destacou varios grandes proxectos que teñen para a vila, como a creación dunha piscina municipal de mareas para dinamizar o turismo, ou varios proxectos como a cuberta para a pista de Vilariño ou a construción dun novo pavillón multiusos.